Ferrol, 27 de abril de 2021

O vindeiro xoves terá lugar o Pleno Ordinario do mes de Abril no que presentaremos tres mocións para o seu debate que dimos hoxe a coñecer en rolda de prensa.

A primeira das mocións ten que ver coa accesibilidade da nosa cidade. Jorge Suárez lembraba coma “no noso mandato recibimos os parabéns de moitas das entidades preocupadas pola inclusión plena” pois fomos quen de desenvolver máis de 1000 pasos de peóns proxectados e executar 700, mentres asistimos nos dous últimos anos a un baleiro total nesta materia por parte do goberno local.

“Ata que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de desenvolva é necesario seguir dando pasos para continuar dando exemplo a nivel de país no que respecta á accesibilidade” dicía Jorge Suárez, lembrando que “existen os medios, os proxectos e os recursos para poder acometer estas actuacións”.

Dende Ferrol en Común cremos necesario, e así o solicitaremos ao Pleno, dar continuidade á 5º fase de accesos peonís, ao mesmo tempo que comezar coa redacción da 6º fase. Así mesmo, recordaba o edil que “deixamos redactado un proxecto de accesibilidade a centros educativos e deportivos que pode ser desenvolto e que propoñeremos para os futuros orzamentos”. Ademais, solicitaremos acometer a obra do ascensor no aparcadoiro do Cantón, “un parking infrautilizado que debe ser plenamente útil e accesible para toda a veciñanza” apuntaba Suárez ao mesmo tempo que continuaba dicindo que “temos pendente a ordenanza de accesibilidade, a agarda dun regulamento da Xunta de Galicia que nunca chega, pero non pode servir de escusa para a súa non aprobación. Por último, “imos demandar que a accesibilidade sexa unha aposta clara do goberno e resérvese unha partida de 500.000 euros en cada orzamento para levar a cabo múltiples proxectos de cara ao avance nesta área” remataba o voceiro.

Outra das mocións que levaremos para o debate en Pleno é relativa á defensa da lingua galega no Concello de Ferrol, pois cremos que “se está a degradar o uso dun ben inmaterial, que vai máis alá do que é unha mera lingua, é identidade cultural que representa ao país e que está sufrindo retrocesos de todo tipo neste Concello, dende pregos que se redactan en castelán incumprindo a normativa municipal, ata o uso do castelán en comisión e plenos de xeito habitual” explicaba Jorge Suárez.

“A dia de hoxe este goberno parece asumir a política bilingüista que tanto conflito xerou e parecía desterrada do noso ámbito social”. Dende FeC cremos que é importante recalcar a importancia de conservar a nosa lingua que está en retroceso debido ás política da Xunta de Galicia que ven recortando durante os últimos 13 anos os orzamentos destinados a ela, e agora ademais incumpríndose a ordenanza no Concello de Ferrol sistematicamente e cunha concellería de normalización lingüística que soamente fai actuacións de trámite.

A última das mocións que defenderemos no Pleno cremos que é importante, hoxe máis que nunca, ao tratar de memoria democrática. Coa nosa mocións queremos instar á corporación a eliminación de calquera simboloxía franquista que aínda queda na nosa cidade.

En primeiro lugar, “recoñecer a un grupo de represaliados polo franquismo que solicitou á Ministra de Defensa a retirada de varias rúas franquistas da nosa cidade” manifestaba o edil. Do mesmo xeito, unha serie de militares antifranquistas realizaba unha petición similar que recibiu a resposta da Ministra Margarita Robles denegando a solicitude alegando que dita nomenclatura lembra a membros da Armada e buques vinculados con Ferrol, resolvendo que non se vulnera a Ley de Memoria Histórica.

Coa nosa moción pretendemos instar ao goberno a solicitarlle ao Ministerio de Defensa a rectificación con relación a non eliminar o rueiro franquista do Arsenal. Do mesmo xeito, solicitámoslle a este goberno que faga as accións pertinente para suprimir calquera simboloxía franquista que quede presente na nosa cidade e por último, no marco ao recoñecemento ás vítimas, instamos unha vez máis ao goberno local a avanzar na construción do Monumento ás vítimas do franquismo, xa aprobado por unanimidade en anteriores Plenos e que xa conta cun traballo previo e ubicación