FeC presenta unha moción relativa ao benestar animal, sen ningún avance dende que o goberno socialista chegou ao goberno; outra proposta relativa a instar á Xunta á modificación da Lei de Inclusión Social para facela compatible co Ingreso Mínimo Vital; e unha terceira de condena dos últimos ataques das forzas de ocupación israelís a Palestina.

Ferrol, 25 de maio de 2021

Hoxe en rolda de prensa o concelleiro Suso Basterrechea daba conta das mocións que imos presentar no Pleno de maio, unha das máis importantes é a relativa a solicitar a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia. O concelleiro de FeC iniciaba a rolda lembrando que “preto da cuarta parte da poboación do concello de Ferrol atópase en risco de exclusión social”, unha situación que foi altamente agravada pola pandemia da Covid-19 deixando a moitas persoas e familias na precariedade e pobreza.

A axuda económica coñecida comunmente coma RISGA é “unha renda necesaria para tratar de escapar da pobreza” afirmaba o concelleiro, pero insuficiente para paliar as situacións de necesidade de máis de 500 persoas que dependen dela soamente na nosa cidade. Por iso entendemos que é de suma importancia que as familias perciban tamén o Ingreso Mínimo Vital aprobado polo goberno de coalición recentemente, “sendo éste compatible con calquera renda de inclusión”, recalcaba Basterrechea.

O problema aparece porque o “RISGA é excluínte de calquera axuda”, explicaba o edil, “e polo tanto non é posible que as persoas con necesidades poidan percibir as dúas axudas”, polo menos “mentres a Xunta de Galicia non modifique o punto da Lei de Inclusión Social e faga compatibles as dúas percepción económicas, coma xa fixeron numerosas comunidades autónomas” remataba Basterrechea.

Así mesmo, “estanse a dar situacións de alarma social xa que a Xunta está a reclamar as cantidades da RISGA ás persoas que percibiron tamén o Ingreso Mínimo Vital co consecuente drama social que pode acarrear esta situación en persoas sen recursos”, comentaba o concelleiro.

Dende Ferrol en Común, consideramos fundamental que a Xunta de Galicia modifique este punto da Lei de Inclusión Social de xeito urxente facendo compatible ambos subsidios, así coma reverter as accións iniciadas de solicitude de devolución do RISGA a persoas en situación de especial vulnerabilidade.

Doutra banda, presentamos unha moción relativa ao Benestar Animal, pois consideramos que é preciso avanzar cara unha sociedade máis concienciada e consciente das necesidades e coidados que precisan todos os animais.

Neste eido, o concelleiro de FeC lembraba algunhas iniciativas que se levaron a cabo baixo o noso mandato coma “a elaboración dunha normativa de benestar animal, eliminación de animais en espectáculos e feiras ou os programas educativos nos centros escolares”, lembrando tamén que “aínda queda moito camiño por percorrer” e por iso presentamos esta moción con unha gran batería de propostas para “retomar un traballo que quedou paralizado dende a chegada do goberno socialista”.

Centrándonos nas iniciativas presentadas por FeC, o concelleiro destacaba “o mantemento e mellora dos parques caninos, a elaboración de campañas de concienciación, o control das colonias felinas a través do sistema CES, a formación dos profesionais do concello en protocolos de actuación con animais ou o uso de fogos de artificio silenciosos”, ademais de lembrar a débeda pendente da cidade coma é a “habilitación dunha praia para cans”.

Todas estas propostas só se poden levar a cabo se “auméntase a partida para Benestar Animal nos orzamentos pantasmas do goberno local” remataba o concelleiro, unha cuestión que dende FeC entendemos coma fundamental para avanzar cara unha verdadeira cidade coidadora e respectuosa cos animais.

Por último, presentamos unha moción máis xenérica pero non menos importante, relativa a situación que se está a dar en Palestina. Dende FeC cremos que “as institucións se teñen que posicionar co que está pasando, que se pode definir coma xenocidio do pobo palestino” dicía Basterrechea, “pois están a morrer centros de persoas en base a unha actuación xenocida do goberno Israelí”, polo que dende Ferrol en Común amosamos a nosa máis rotunda condena e queremos instar a través desta moción a que o goberno español condene o ataque e recoñeza o estado palestino, ademais de traballar polo cumprimento das resolucións da ONU neste eido.