Ferrol, 11 de xuño de 2021

O pasado 7 de maio o goberno local presentaba á prensa un documento incompleto dos orzamentos municipais. Un mes máis tarde, deu traslado aos grupos da oposición do documento completo, e hoxe, Ferrol en Común ven de manter a primeira xuntanza para abordar co goberno local dito borrador.

Durante este tempo, FeC estivo mantendo numerosas xuntanzas con asociacións veciñais e tecido social da nosa cidade, co fin de recoller as demandas e presentar novas propostas para a mellora dunha cidade que precisa de investimentos en todos os ámbitos e todos os barrios.

Froito desa participación e comunicación constante coa cidadanía, unha cuestión de indudable relevancia para detectar as verdadeiras necesidades da nosa cidade, elaboramos un documento que presentamos por escrito na xuntanza de hoxe co goberno local e que recolle unha serie de propostas que cremos contribúen a mellora duns orzamentos e por tanto, da nosa cidade.

Propostas para os orzamentos municipais

1.- Compromiso co Benestar Social a través dos seguintes programas:

1.1.- Partida para incremento de emerxencias sociais. (300.000 euros)

1.2.- Partida para un plan sociocomunitario en San Pablo, extensivo en diferentes anualidades a outras zonas da cidade. (50.000 euros)

1.3.- Partida para estudo técnico da implantación dunha renda básica municipal en Ferrol. (18.000 euros)

2.- Especial atención á mocidade e o emprego, propoñendo unha dotación que duplique a actual e se apliquen os fondos a través dun consello da mocidade e unha mesa polo emprego (xa recollida no pacto de gobernabilidade), en programas vinculados á rehabilitación ou a industria. (600.000 euros)

3.- Eliminación da partida do convenio de defensa de 420.000 euros, convenio sen clarificar o seu estado de tramitación e como vai acometer defensa as actuacións que lle corresponden.

4.- Supresión do investimento na rúa da Igrexa para reelaboración do proxecto, ou execución en fases. A proposta do goberno local dunha actuación de 5 millóns de euros, non parece acorde cos tempos actuais, nin xusto ou equitativo con barrios sen investimento como San Xoan ou Santa Mariña.

5.- Reconfiguración do proxecto da casa de Carvalho Calero, a través dun concurso de anteproxectos como o desenvolto para a Praza de Armas.

6.- Cumprimento de todas a mocións plenarias como xesto democrático, entre elas as que impliquen cando menos:

6.1. 500.000 euros en proxectos de accesibilidade que inclúan o elevador do cantón e a fase 5 de pasos de peóns accesibles.

6.2 1.500.000 euros destinados á zona rural, incluíndo partidas específicas para o saneamento e a 2ª fase das beirarrúas de pazos.

6.3 Reurbanización do parque Rosalía de Castro no barrio de San Xoan.

6.4 Local para a AVV de Ultramar consensuado coa entidade.

7.- Concreción nos proxectos: o orzamento non pode ser un cheque en blanco de cara a proxectos dos que se descoñece o seu desenvolvemento e que poden ser susceptibles de moitas variables, non só urbanísticas, se non de toda índole política. Tales coma a humanización da Estrada e Castela, a conexión Manuel Belando-Nova de Caranza, o investimento de 800.000 euros en novas tecnoloxías ou as actuacións previstas en FIMO.

8.- Inclusión do proxecto para a rúa Pardo Baixo e, xunto coas rúas da Magdalena orzamentadas, que se dispoña dunha partida específica para a peonalización global.

9.- Segunda fase do Mercado de Caranza e proxectos integrais para os Mercados da Magdalena e Recimil.

10.- Reserva de crédito para a parte correspondente ao concello no saneamento do Río Sardiña.

11.- Inclusión dun proxecto para a rehabilitación da zona deportiva da Cabana onde se desenvolven as actividades de lecer relacionadas co mar, en concreto:

11.1.- 200.000 euros para reparacións de urxencia nos locais sede dos clubes deportivos de remo da Cabana, San Felipe e de Vela Grupo Bazán.

11.2.- 50.000 euros para proxecto de Ferrol, cidade do mar, co fin de captar fondos doutras administracións e desenvolver a súa potencialidade.

12.- Inclusión dunha partida específica de Benestar animal, con explicación dos proxectos concretos na memoria de orzamentos.

13.- Estudo da xestión directa dalgún dos servizos fóra de contrato ou a piques de rematar, nomeadamente o servizo de rozas, coa implantación dunha cuadrilla municipal permanente adicada a este servizo.

14.- Proxecto de reforma integral da Praza Vella en Ferrol Vello.

15.- Unha partida específica para crear unha escola de participación que retome logo da pandemia a apertura do Concello cara á sociedade.

16.- Inclusión de partidas para a rehabilitación modular de interiores na vivenda pública de Recimil, deixado redactado por FeC

17.- Rehabilitación da Casa do Patín no barrio de Canido.

Dende FeC, consideramos que esta batería de propostas en positivo, presentada hoxe ao goberno local, enriquecerían uns orzamentos pouco participados, coa fin de mellorar diferentes aspectos da cidade coma o fomento do emprego, o reforzo do benestar social ou o impulso de políticas de benestar animal e de rehabilitar diferentes zonas da cidade que precisan dunha intervención coma a Praza Vella, a zona do Dique da Cabana ou a Praza Rosalía de Castro, ademais de dotar do investimento necesario á zona rural.