Ferrol, 6 de outubro de 2021

Na mañá de hoxe, todos os grupos municipais vimos de ter unha xuntanza coa compañía Electrorayma, auxiliar do sector naval especializada en instalacións eléctricas e electrónicas e que fai uns meses presentou unha demanda contra Navantia polo impago de 4,7 millóns de euros, cantidade derivada das modificacións e sobrecustos na planificación e desenrolo da construción de dous buques tipo AOR para Australia, encargados pola empresa pública.

O conflito entre ambas compañías aparece polo desacordo na cantidade adeudada, pois Navantia tan só recoñece un 10% do total reclamado. Ademais desta falta de pagamento dos sobrecustos, por parte de Electrorayma denúnciase que do importe total do contrato, incluído un plan de aceleración solicitado por Navantia, que ascendía a 14.548.926,96 euros, Navantia só recoñece 12.771.147,10 euros, o que significa unha minoración do 12,2% sobre o pactado. A isto súmase que, por parte de Navantia, só se permitiu facturar a Electrorayma un total de 12.240.348,84 euros, restando por facturar un importe de 530.798,30 euros.

Esta situación pon nunha posición de vulnerabilidade a esta histórica compañía que leva máis de 30 anos operando na nosa comarca e que na actualidade da traballo a máis de 150 persoas, tan só en Ferrol, as que dependen da solución deste conflito que se atopa xudicializado e non hai visos de chegar a un acordo próximo entre a empresa pública e Electrorayma.

Dada a grave situación de desmantelamento industrial na que se atopa a nosa comarca, coa sempre pasividade cómplice da Xunta de Galicia, Ferrol en Común considera que é vital que se chegue a un acordo entre as dúas empresas para non perder os 150 postos de traballo na nosa comarca e máis de 300 a nivel estatal, ademais de amosar o noso apoio e solidariedade a toda a plantilla de Electroyma.