Ferrol, 19 de xaneiro de 2022

O Centro Comercial de Porta Nova é un espazo municipal que na actualidade atópase sen uso na súa maior parte. Nun barrio tan concorrido coma é o Inferniño non se pode permitir que unha instalación coma é este Centro Comercial fique abandonado, cando son moitas as actividades e usos que se lle pode dar.

En xullo de 2018, a proposta do anterior goberno de FeC, aprobouse un acordo Plenario sen ningún voto en contra para a apertura dun procedemento de libre concorrencia co que ceder os locais baleiros dos andares 1º e 2º do centro Porta Nova a entidades asociativas que precisaran dun local para o desenvolvemento das súas actividades. Dito proceso, seguiu exitosamente o seu curso coa publicación das bases e a posterior presentación de ata 27 solicitudes para ocupar os 24 espazos dispoñibles.

A gran participación de entidades e organizacións pon de manifesto que a nosa cidade ten unha riqueza asociativa indubidable de toda índole e que precisan de espazos para levar a cabo as súas actividades con normalidade, valorando moi positivamente a opción de ocupación dos locais de Porta Nova.

Xusto antes de que o goberno actual tomase posesión, celebrouse a última sesión da comisión de valoración das solicitudes, onde participaron activamente representantes de todos os grupos municipais de FeC, PSOE, BNG, C´s e PP, acadándose todas as decisións alí plantexadas por consenso e compartindo a opinión de que era necesaria unha revitalización dun barrio populoso como o Inferniño e a diversidade de actividades que dea pulo non só ao edificio de Porta Nova, se non tamén ao aparcadoiro.

Para a nosa sorpresa, coa chegada de Angel Mato chegou tamén a paralización de todo o procedemento e a decisión unilateral e arbitraria de suspender todo o relacionado con darlle unha nova vida ao centro comercial, deixando na estacada a unha docena de entidades que xa contaban con ocupar un espazo en Porta Nova.

A día de hoxe, case 3 años despois, o goberno local non realizou nin unha soa proposta en relación ao centro comercial e manteno esquecido e abandonado. Dende FeC, coma xa manifestamos en numerosas ocasións, non entendemos o porque da paralización dun proceso que supoñía un éxito de participación e cooperación do goberno da cidade co tecido social, dotando de usos a un edificio municipal ao mesmo tempo que se daba resposta a demandas do asociacionismo da nosa cidade.

Dende FeC consideramos que xa pasou tempo suficiente para que o goberno de Angel Mato pensara nun plan co que dotar dunha nova vida ao centro comercial de Porta Nova. Polo que lle solicitaremos ao goberno municipal retomar o plan de usos que Ferrol en Común tiña en marcha e que amosou ter unha grandísima aceptación entre o tecido social e o propio barrio do Inferniño.