Ferrol, 14 de xuño de 2022

A pasada semana deu comezo a obra central do mandato de Angel Mato, un proxecto recuperado da súa época coma Concelleiro de Urbanismo, a reurbanización da rúa da Igrexa. Unha obra que ten un custo de 5 millóns de euros nunha soa rúa, que elimina a metade dos aparcadoiros actuais sen ningunha alternativa e que terá unha duración de ano e medio; e onte coñecimos o proxecto que transformará a rúa San Francisco, onde novamente vólvense eliminar os aparcadoiros sen dar ningunha outra opción á veciñanza, máis que pagar 39€ por estacionar o vehículo dentro dun parking, algo que dende FeC non consideramos unha alternativa seria.

Ferrol Vello xa ven de perder un número considerable de prazas de aparcadoiro en superficie e tamén de escoitar ao goberno local afirmar que “non hai ningún plan de peatonalizar Ferrol Vello” pero sen embargo, cando abren o xornal, atópanse con cuestións moi diferentes, pois as case 50 prazas de aparcadoiro da rúa San Francisco serán eliminadas.

Dende Ferrol en Común defendemos a peatonalización, forma parte do modelo de cidade que buscamos para Ferrol, e non nos imos a poñer a ningunha obra sempre que supoña unha mellora para a cidade e a cidadanía, pero si temos que activar a nosa alarma cando as cousas non se están a facer ben. A peonalización é unha cousa e facela programada, participada e con alternativas viables é outra moi diferente.

FeC considera que o goberno de Angel Mato quere eliminar o vehículo por decreto, sen dar alternativa e sen darse conta de que os coches existen, as persoas os usan e precisan espazo para estacionarse, por iso é necesario habilitar aparcadoiros disuasorios gratuítos alí onde vaia a acometerse unha eliminación dos aparcamentos en superficie, coma é o caso da rúa Igrexa ou rúa San Francisco, que entre ambas suman máis de 250 aparcadoiros suprimidos. Do mesmo xeito que de nada serve falar de eliminar o coche no centro de Ferrol se antes non se pon a disposición da cidadanía un transporte público adecuado, que funcione para cubrir as demandas e necesidades da veciñanza da Magdalena ou Ferrol Vello, neste caso.

Ante esta situación, Ferrol en Común solicítalle ao goberno municipal que estude e busque seriamente espazos para establecer aparcadoiros disuasorios que acompañen á humanización das rúas e deixe de sacar peito polos que fixeron outros. Dende FeC propoñemos por exemplo o solar da fábrica de lápices ou os solares de enfronte ao Centro Torrente Ballester que xa se habían contemplado coma unha opción durante o noso mandato, pero dende logo a alternativa debe ser gratuíta para toda a cidadanía.