Ferrol, 25 de maio de 2023

Estes 4 anos de Angel Mato foron un lastre para o desenvolvemento dunha cidade máis verde, accesible e cohesionada, xa que non se desenvolveu nin un só proxecto nesta dirección, en definitiva non se gobernou para as persoas.

A consigna de Ferrol en Común é gobernar contigo, gobernar para as persoas e no urbanismo non íamos a esquecernos disto. Por iso, as nosas propostas non pasan por macroproxectos desarrollistas coma os cinco millóns da rúa da Igrexa investidos nun só barrio e sen ningunha necesidade patente, senón que na nosa folla de ruta levamos un modelo urbanístico que reparta o diñeiro público por todos os barrios, decentralizando e democratizando eses investimentos.

Exemplo diso é o noso compromiso coa reforma da Praza Rosalía de Castro e a Praza Vella, dúas demandas solicitadas encarecidamente pola veciñanza polo seu lamentable estado, convertíndoas en espazos verdes, de lecer e de ocio.

Tamén apostaremos pola rehabilitación da casa de Carvalho Calero en Ferrol Vello e a Casa do Patín en Canido, dous edificios cuxos posteriores usos serían públicos. Así mesmo, pularemos por conveniar a cesión co Ministerio de Defensa ou, en tal caso, a adquisición directa polo Concello do edificio de Suboficiais de Canido para que Aspaneps poida seguir exercendo a súa labor e ademais para gozar dun novo espazo público.

Máis relacionado coa vivenda, continuaremos co proxecto integral de recuperación de Recimil para cumprir funcións de tipo social e dar acceso á mocidade a unha vivenda; así mesmo solicitaremos a declaración de ARRU para Canido e San Pablo, que permita impulsar a conservación e reparación da parte degradada do barrio de San Pablo Catabois.

Unha cuestión prioritaria para o urbanismo desta cidade é a aprobación un novo PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) e que estará nos primeiros postos na lista de tarefas cando esteamos no goberno pois permitiría a esta cidade expandirse dun xeito ordenado e tendo en conta directrices clave coma a sostenibilidade e a accesibilidade.

Por último, proseguir na leal e boa cooperación con outras administración para o desenvolvemento das actuais liñas estratéxicas: instar ao ministerio Defensa a abrir Ferrol ao mar, instar ao Estado ao inmediato desenvolvemento sostible do estaleiro 4.0;  ou continuar na senda do traballo conxunto para o crecemento completo do Campus de Ferrol.