Horizonte 2019

Fai tres anos abrimos un novo camiño na posta en marcha dun proxecto de unidade popular porque queriamos un Ferrol en Común de construción colectiva e en creación constante. O tempo deunos a razón, o municipalismo está máis vivo que nunca, e está vivo porque a súa necesidade continúa vixente. Compartimos que esta continúa a ser unha estratexia gañadora para acadar que a nosa cidade sexa o centro no que as persoas poidan ter recoñecidos os dereitos e os coidados que precisan. Mais para iso precisamos crer en nós mesmas e seguir sendo vangarda co resto dos concellos do cambio. Ferrol en Común fomos quen de situarnos no mapa, somos referente e formamos parte no 2015 dun momento histórico, no que rachamos co bipartidismo que se viña apropiando do aparato institucional para asegurar a súa permanencia no poder e conseguimos xunto coas compañeiras da Coruña e Compostela achegar tres concellos capitais á xente, algo inédito no resto do Estado.

Chegamos como intrusas que somos ao pazo para colocalo ao servizo da xente, non sendo para nós o goberno en si mesmo a finalidade, senón o instrumento para facilitar a vida da xente do común, cubrir as súas necesidades e demandas, para que o diñeiro público non fora apropiado por uns poucos en termos de corrupción e para que a institución servira para aquelo polo que se supón que foran establecidas: facer funcionar os servizos públicos de forma eficiente e para que o recadado dos impostos se redistribuía equitativamente comezando por aquelas persoas que máis o precisan.

Mais son moitos os retos que temos que afrontar, precisamos dotármonos de todos os instrumentos posibles para continuar na liña do que estamos acadando, deseñando a axenda que nos leve a maio de 2019 e comunicar, comunicar cara dentro, cara a xente que nos apoia, mais tamén e sobre todo cara fóra, para facer fronte a gran campaña mediatizadora que temos na nosa contra dende que chegamos á institución, cando a dereita e a súa caverna todopoderosa comezaron unha campaña á desesperada de desprestixio e asedio permanente.

Comezar a construír o novo programa municipalista, en común, tendo un debate sincero con nós mesmas, e tendo en conta a experiencia do aprendido neste tempo, onde tivemos que facer fronte aos límites do marco férreo e castrador do procedemento administrativo e aos obstáculos á autonomía municipal cos que nos fomos atopando, froito do austericidio que supón as políticas neoliberais e de recortes como a taxa de reposición de efectivos, a lei montoro, a regra de gastos ou a lei de contratos públicos.

Nestes anos aprendemos a construír dende os concellos espazos de resistencia, aprendendo unhas das outras para facer fronte aos obstáculos que nos fomos atopando para o desenvolvemento das políticas públicas que queremos implementar. Facer o posible por articular cada vez máis o espazo municipalista, non organicamente, mais si cunha xeometría variable que nos permita adaptarnos ás cambiantes situacións. Temos tarefas importantes que necesitan de profundización, de amosarnos como unha rede que nos conecta, onde hai unha forma de facer política  e un desexo de facer políticas públicas que colocan a cidadanía no centro e que é substancialmente diferente  do aplicado polas estruturas do réxime e os vellos partidos.

No orgánico, afrontar o reto para que no noso espazo a capacitación de cada persoa atope a súa expresión, para o que temos que insistir na necesidade de empoderar ás persoas inscritas e afondar na confluencia que supón a ferramenta de Ferrol en Común, engraxando ben e incorporando a todas as forzas vivas da cidade que buscan os mesmos obxectivos de transformación colectiva. A comezos deste ano aprobamos na nosa asemblea asentar as bases deste proxecto político, e é innegable, que sen a participación e as achegas das inscritas en Ferrol en Común non seremos quen de dar continuidade a este proxecto colectivo. Puxemos un primeiro chanzo no orgánico, dotándonos de estruturas colexiadas que agardamos contribúan a acadar unha maior capacidade de incidencia política e ensanchen os espazos de participación.

Agora compre reforzar o movemento propio, marcando a nosa propia axenda, que permita o desenvolvemento dun traballo político de seu, que non estea unicamente supeditado á responder aos ataques externos; ser proactivas, reflexionar nos erros para establecer medios que eviten a súa repetición e recuperar o espírito que nos levou a iniciar este proxecto de unidade popular.

Por este motivo, propoñemos a aprobación dun calendario que nos sirva de vieiro para afrontar a seguinte cita electoral coas maiores garantías, repensando as ferramentas que empregamos no 2015 e mellorándoas, adaptándoas o mellor posible as nosas necesidades. A escolla dun comité electoral que recolla a pluralidade que nos caracteriza, coa encomenda de elaborar unha proposta que regulamentee cristalice determinando o proceso metodolóxico para elaborar o programa electoral, ademais do modelo de elaboración da nosa candidatura definitiva, así como a proposta dun código ético, carta financeira e o documento de feminismos. Esta proposta botaríase a andar coa aprobación na asemblea de setembro, someténdose a aprobación os documentos definitivos a finais deste ano e escollendo o grupo de traballo de elaboración programática.

Isto, permitiría que a finais de marzo do vindeiro ano contásemos cunhas persoas inscritas en Fec activas, e que puideramos aprobar o programa, o código ético e a candidatura para concorrer a cita electoral nas mellores condicións posibles.

Necesitamos ser moi conscientes que Ferrol necesita da mellor ferramenta posible para seguir adiante co proxecto iniciado no 2015, para iso temos que ser capaces de aglutinar, tender a man e seguir cun proceso de acumulación das distintas forzas vivas da cidade que vaian máis alá dunha organización política ao uso. Temos que poñer en primeira liña unha organización feminista, onde os coidados sexan primordiais e que teña as suficientes canles de participación para que sexa atractiva e chame a participar. Temos un reto dificil pero emocionante por diante, seguir facendo unha cidade para as máis e saír orgullosas a dicir que Ferrol mola, temos e necesitamos recuperar a autoestima como cidade e como cidadáns que conviven nela. Queremos un Ferrol para todas e de todas.

 

A verdadeira heroe converte os soños en realidades e as ideas en feitos

(A.D.R. Castelao)

 

En Ferrol, a 2 de xuño de 2018

Advertisements