20160616_120117
(Foto de arquivo)

O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, lembrou que “sen ningún voto en contra” aprobouse o traslado das entidades que estaban no edificio do Ateneo ao Antigo Hospicio, co que se da resposta ao problema fundamental da falla de espazo

Esta decisión súmase á reclamacións á empresa responsable da reforma do edificio para que asuma as deficiencias existentes

Ferrol, 5 xullo.- O concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, destacou esta mañá o “consenso” e o “diálogo” co que se ten acadado acordos para resolver a problemática do Ateneo ferrolán, que precisamente figuraba “no acordo programático de Ferrol en Común e Partido Socialista” como un dos compromisos e temas a resolver polo actual goberno.

“Traballamos para solucionar o que queda pendente pero non é pouco o que conseguimos nun período breve de tempo, con diálogo e o acordo das distintas asociacións”, sinalou. “Son avances nun ano de goberno moi importantes e moi significativos, logrados en base ao diálogo e sen ningún voto en contra de ningunha forza política”.

Neste senso, dou conta dos avances logrados nos últimos meses. Un dos primeiros temas que se tiñan que solventar xiraba en torno á “dificilísima situación económica do Ateneo”, algo que xa se comezou a paliar co convenio nominativo aprobado hai meses por un importe de 15.000 euros e que “alivian moito a situación desta entidade”.

En segundo lugar, destacou, a aprobación no último pleno de xuño, e “sen ningún voto en contra”, que o edificio do Ateneo fora de uso exclusivo desta entidade. Era un “tema fundamental cumprindo o que xa figuraba no proxecto de reforma”, plantexada, precisamente, pola falla de espazo suficiente. Así, as asociacións que antes tiñan locais no edificio do Ateneo trasladaranse ao Antigo Hospicio.

“Nós, en base ao diálogo e ao acordo, conseguimos que esas asociacións pasen a ocupar espazos no antigo hospicio, fíxose de forma absolutamente consensuada, froito de negociacións dos últimos meses”, explicou. O traslado realizarase en setembro debido a que na actualidade o edificio está sendo empregado para os campamentos urbanos para nenos.

En terceiro lugar, outra das problemáticas tiña que ver co propio edificio do Ateneo, ante algunhas deficiencias que presentaba. Suso Basterrechea explicou que serán reclamadas á empresa responsable da reforma, feita hai poucos anos, para que se encargue de subsanalas.

Por último, en canto á recuperación dos fondos do Ateneo, explicou que trátase dunha situación complexa, ao estar a cuestión xudicializada, e pendentes de saber se a débeda pode ser asumida polo Concello. En caso de que non estea permitido comprometeuse a participar nunha asemblea na que os socios do Ateneo decidan as “fórmula máis oportuna” para solventar esta situación.