Programa Electoral 2023|2027
Ferrol necesita ser escoitado. Precisa que a túa voz conte para mudar a política municipal. Para que o goberno sexa unha ferramenta útil na transformación social, na conquista de dereitos, nunha mellor xestión en beneficio das persoas e o seu benestar.
Ferrol en Común quere contar con esas voces que reivindican máis participación, que queren combater os gobernos das elites que toman decisións unilaterais ao servizo dun partido. Nós somos xente coma ti, sen ataduras nin dependencias alleas, somos unha lista de persoas avaladas por unha asemblea, profesores, representantes da cultura, traballadores do metal, da sanidade,… todas elas persoas con ansia dun Ferrol máis libre, igual e xusto.
Vimos dun ciclo complexo. Un ciclo de catro anos onde o goberno deu as costas á cidadanía, que observaba perplexa o malgasto en grandes proxectos urbanísticos onde a xente non tivo nin voz nin voto, onde os barrios fóra do centro e a zona rural eran desprezados, as vulnerables, o deporte, a cultura, o mantemento ordinario de iluminación, limpeza, zonas verdes ou reparación de viais eran aspectos secundarios, antepoñendo o titular a realidade.
Ferrol en Común cre nunha forma diferente de gobernar, onde a audacia supere aos medos, onde a forza da cidade sexa a voz compartida da súa veciñanza, onde os investimentos públicos sexan postos alí onde se necesitan: nas oportunidades de inserción laboral, na posta a disposición de vivenda pública, no benestar e nunha cidade máis amigable, verde e sostible.
Úneste? Contamos contigo!