Bo día a todos a todas
Hoxe comeza un novo tempo en Ferrol, o pasado 24 de maio, a cidadanía exerceu o seu dereito democrático e confiou en que unha candidatura de unidade popular se puxera á fronte dun goberno para, dende o común, artellar unha solución aos seus problemas cotiáns, que afectan aos seus dereitos máis esenciais: a vivenda, o traballo e mesmo o sustento, e que teñen que vir necesariamente dende quen ten a obriga de responder: as institucións; somos nós, dende a participación cidadá, os e as vinte cinco representantes que fomos escollidos nas urnas, os que debemos tecer redes durante estes catro anos para que a frustración e a resignación se convirtan en activismo e implicación na vida pública, para que as solucións políticas a problemas concretos sexan consensuadas entre representantes políticos e a veciñanza, para devolver a Ferrol a estima necesaria e as condicións materiais para acadar a xustiza social.
Recibo o bastón de mando como un máis, para entregalo novamente á cidadanía, co ánimo de transformalo nun símbolo do que xa non é, a mera representatividade, para darlle un novo contido no que a democracia e a política recuperen os seus vellos sentidos: democracia como poder do pobo e política como a procura conxunta do ben común. Non podemos negar que corren novos tempos, que a cidadanía non se resigna xa a depositar o voto nunha urna cada catro anos, e que a esixencia está no día a día, nas rúas e nos centros de traballo, na faciana de cada un dos nosos conveciños, que demandan de nós, os concelleiros e concelleiras, que sexamos un máis entre todos e todas, nun Concello que abra portas e ventás, que sexa a casa do pobo con acceso libre e paredes de cristal, e onde a codecisión sexa factor decisivo para priorizar o gasto público onde máis se precisa.
No ano 1973 a miña familia tivo que marchar desta cidade pola crise do sector naval. Máis de corenta anos despois, os mozos e as mozas de Ferrol seguen obrigados a marchar; nesta hemorraxia que baleira de esperanza a Ferrol, o futuro debera residir na mocidade que levante esta cidade, non na subsistencia amarga de rendas de inserción ou grazas ás pensións dos nosos maiores que a duras penas manteñen as súas familias, ese envellecemento nos rostros e fachadas deste Ferrol que tanto nos doe. Durante décadas, a loita obreira e o activismo social foron buque insigne en Ferrol para rescatar algo do que debemos facer bandeira: a dignidade. Unha palabra que levan gravada a lume nos ollos os máis de 4000 despedidos do sector naval. Os que sofren polo desmantelamento do equipo de valoración da dependencia, polo deterioro da sanidade pública, pola asfixia das entidades sociosanitarias. Dignidade nos que non teñen acceso a unha residencia de maiores ou se lles retira a axuda á dependencia. E dignidade nos ollos dos nenos e nenas que só satisfacen as súas necesidades nutricionais na escola e, como non, nas dos desafiuzados que se enfrontan á grande banca sen corazón por ter un teito onde atopar acubillo. Dignidade nas máis de 700 persoas que tiveron que baixar o enreixado dos seus comercios no último lustro.
Son momentos críticos para Ferrol, vivimos enquistados na crise demográfica, na perda de emprego industrial, na falta de carga de traballo real para Navantia e no deterioro urbanístico. Agora máis que nunca precisamos da unión social, da falta de revanchismo político e da responsabilidade e altura de miras, para non darlle ás costas aos problemas reais da cidade e a súa xente, para que esas case 5000 persoas que non reciben ningún tipo de prestación teñan esperanza, e para evitar o que xa parece inevitable, debemos lanzar amarras sobre esa balsa de pedra da que falaba Saramago, esa balsa de pedra na que estamos illados do resto do país, unha cidade que parece perdida, pero nin moito menos morta, e iso só se pode facer dun xeito: con consciencia de comunidade, coa unión das forzas políticas e sociais para reclamar dende unha base social forte, con firmeza e determinación, o que a Ferrol lexitimamente lle corresponde e se lle está a negar: Estaleiros públicos punteiros con carga de traballo e rexuvenecemento de plantillas, infraestruturas e comunicacións ferroviarias que nos afasten do século XIX, a apertura definitiva da nosa cidade ao mar, un saneamento integral da nosa ría, espazos verdes para un concepto de cidade compacta e a recuperación dos terreos ociosos que ocupa defensa para darlles uso dotacional
Continuando con Saramago quero determe nas súas palabras: para que as cousas existan son precisas dúas cousas: que o home as vexa e que lles poña nome.É por iso que a porta do alcalde vai estar sempre aberta, coa humildade suficiente para escoitar o que a xente ten que dicir, para empatizar na angustia e na pobreza e sentila como propia para darlle unha solución política. Poñer nome ao sufrimento, adaptar a política ao contexto e centrar a austeridade en nós mesmos, non nos dereitos sociais, a sanidade, a educación ou a vivenda.
Son unha persoa sinxela que proveño dunha familia humilde. Na miña filosofía de vida vai o diálogo e a tranquilidade, pero tamén a firmeza na consecución dos obxectivos. É por iso polo que conto con cada un de vós para facer rexurdir esta cidade e, tamén, esta institución, para emprender o retorno de todos os servizos privatizados, pensando nunha mellor prestación, na dignificación do emprego e na rendibilidade social e non puramente económica. No noso ánimo non está facer carreira política, o sectarismo nin a defensa de posicións partidistas. Estamos aquí para tratar de rescatar Ferrol do seu destino e só coñecemos dúas vías: a interlocución constante coa xente do común e o traballo infatigable para acadar os nosos obxectivos, un plan de emprego, o impulso do cooperativismo, as cláusulas sociais nos pregos de contratación, a rehabilitación de vivenda como fonte de traballo, o apoio ao comercio local con medidas concretas son algunhas das nosas propostas para combater os números do desemprego, detrás dos cales hai sufrimento humano. Eu e mais os concelleiros e concelleiras que conformamos este goberno, temos un compromiso ético coa cidadanía, empezar este goberno obedecendo, cumprindo ese programa pactado co tecido social, e teremos, estou seguro, a valentía de enfrontarnos a eses grandes monstros que devoran os nosos recursos públicos e que xa planean como voitres sobre os nosos estaleiros. E reivindicaremos ante a Xunta e o Estado, máis alá de simbolismos, o que nos corresponde, dende a insubmisión e o desafío, antepoñendo o interese da cidade á compracencia política.
De seguro cometeremos erros, tropezaremos e volveremos a erguernos, aprenderemos deles e aceptaremos as críticas que nos axuden a aprender. Pero de seguro que tamén que a ilusión que estes días recollo nas rúas de Ferrol, esta proposta da esquerda transformadora, vai baixar ao concreto nunha nova concepción política, en medidas que contribúan á xustiza social eliminando privilexios e potenciando os servizos sociais, á distribución da riqueza a través da progresividade fiscal, e á consolidación dos servizos públicos como garante dos dereitos fundamentais, e como non ao respecto, á tolerancia, a inclusión plena e a igualdade entre homes e mulleres.
Quero determe para facer mención aos compañeiros e compañeiras de corporación. Recoñecerlle ao alcalde saínte a súa disposición e cordialidade no traspaso de poderes. Desexarlle sorte á representante de Ciudadanos na súa nova andaina política. Agradecer ao BNG o seu apoio a esta investidura, coa confianza posta nunha oposición construtiva e onde, de seguro, compartiremos moitos espazos. E, dende logo, a lealdade e boa disposición do Partido Socialista, que dende o primeiro momento apostou por un goberno de esquerdas cohesionado en torno a un programa centrado nas persoas para a cidade de Ferrol. Animo a todas as forzas políticas a traballar conxuntamente para que emprego, servizos sociais, infraestruturas adecuadas, medio ambiente e rehabilitación sexan o común denominador para todos e todas nós na loita que debemos emprender para un novo Ferrol.
Quero rematar dando as grazas a todos e todas, poñéndome a disposición de todos e cada un dos veciños e veciñas de Ferrol sen distinción, e apelar á responsabilidade, o traballo conxunto e o compromiso das 25 persoas que estamos aquí sentadas para reivindicar o grande concepto esquecido da revolución francesa: a fraternidade entre todos os homes e mulleres, imprescindible para a construción colectiva dun Ferrol para vivir e traballar e, dende aquí, non podo deixar de facer un chamamento a toda á cidadanía a formar parte desa comunidade fraterna que devolva o optimismo e a dignidade da que falaba ao principio para Ferrol e, permitídeme que finalice xa citando a Albert Camus: no máis cru do inverno aprendín que dentro de min hai un verán invencible.E esta cidade leva un inverno eterno e, dende logo, merece un verán invencible