• Porén, lamenta que sexa cun retraso inasumible, e reproba o cinismo do PP pedindo agora maior celeridade no tren Ferrol-Coruña.

Ferrol, 30 de novembro de 2019

A aprobación do proxecto dunha estación intermodal para Ferrolterra pode supor un punto de inflexión para o desenvolvemento socioeconómico da nosa comarca. Era algo que viñamos poñendo enriba da mesa no mandato de Ferrol en Común, en sucesivas reunións do equipo de goberno, tanto ante o Ministerio de Fomento como ante a Consellería que tanto desprezou a esta comarca en transporte e infraestruturas, a dirixida por Ethel Vázquez

A conselleira , unha vez máis, non demostra ningún respecto institucional ao non compartir o proxecto publicamente co alcalde de Ferrol e darse pompa e boato nunha exposición mediática unilateral. Pero é que o máis grave é o descaro para, sen ningún tipo de rubor, constatar que a liña ferroviaria Ferrol – A Coruña é demasiado lenta. Logo de tres mandatos na Xunta e dous de Mariano Rajoy no Estado, sometendo ao oprobio a esta comarca, parece que urxe mellorar a comunicación, cando a estación intermodal é a última que chega ás grandes cidades do país, e o conformismo en afastar a Ferrol primerio do AVE e logo do eixo atlántico Vigo – A Coruña ten un único responsable: o Partido Popular, que asediou Ferrol sen investimentos mandato tras mandato, sendo unha peza a cobrar na desindustrialización programada dos sectores produtivos de carácter público.

Ferrol en Común valorará o proxecto, cotexará que as reunións mantidas entre representantes políticos e técnicos das dúas administracións, celebradas en decembro de 2018, conteñan as demandas de accesibilidade, espazos verdes, e relación co espazo viario. Así mesmo instará ao alcalde de Ferrol a que, dende o goberno, se dea a posibilidade a unha posición unitaria como concello, artellando un debate de todos os grupos participado por expertos no sector de transporte e infraestruturas de cara a, dado que vai ser algo que perdurará no tempo e transcenderá varios mandatos, obter:

1.- O mellor proxecto posible que se adapte ás necesidades da cidade, facendo as emendas necesarias, sobre todo ao ser coñecidas xa as experiencias de deseños absurdos feitos dende San Caetano, dos que debemos fuxir, como as liñas de transporte urbano que atravesaban sobre o plano direccións prohibidas e xiros imposibles.

2.- Unha posición unitaria e afastada do vantaxismo político para acadar o que demanda toda a sociedade, todos os grupos políticos e que é vital para evitar un afondamento da comarca: reivindicar un deseño global en materia de comunicacións, coas infraestruturas necesarias, investimento e programación para a súa construción, que pasen por: eliminar a peaxe da AP-9, comezar de inmediato o proxecto de eliminación do by-pass en Betanzos e desenvolver un tren de proximidade que, cando menos, iguale os tempos do vehículo privado na liña Ferrol-A Coruña, e evitar a ralentización da Vía de Alta Capacidade que vertebra o territorio polo Norte, e un Feve digno, con maquinaria digna e recursos humanos suficientes para evitar o seu esmorecemento progresivo.

3.- Facer presión conxunta para acelerar os prazos previstos e, por unha vez, ver algo máis que planos, debuxos, infografías, proxectos,… A comarca non está para máis fogos de artificio, precisamos toda a unidade posible para ver como se constrúe materialmente un futuro, ou chegaremos a un punto de non retorno onde as vindeiras xeracións non concibirán a nosa cidade coma un lugar onde ter unha oportunidade de desenvolvemento.