Ferrol, 31 de xaneiro de 2020

O Pleno ordinario do mes de xaneiro deu comezo coa Declaración Institucional sobre o apoio ás persoas con Alzheimer e os seus familiares a proposta de AFAL. Dende Ferrol en Común compartimos as palabras do presidente da entidade nas que aborda a enfermidade como unha doenza que nos pode afectar a todas e que está mais presente que nunca, polo que temos que ser conscientes das necesidades que trae consigo tanto para o doente como para os familiares que coidan de él.

As bases específicas para o concurso de comparsas participantes no pasarrúas e gala do Entroido de este ano formaban parte da orde do día do Pleno para a súa aprobación e como non podía ser doutro xeito, contaron co noso voto favorable; pero lamentamos profundamente a falta de comunicación cos verdadeiros protagonistas desta festa, que son as comparsas, como víñase facendo ata agora. Ademais, o entroido non se reduce soamente ao concurso de comparsas se non que a Asociación Veciñal de Ultramar é a encargada de organizar a festividade do enterro da sardiña, a través dun convenio asinado co Concello e que a día de hoxe non está feito. Vemos que o goberno local vai tarde, mal e arrastro neste tema e queremos facer constar o noso descontento por non darlle a prioridade e o trato que se merece esta festa popular, recuperada en parte co esforzo do noso concelleiro Suso Basterrecha durante o noso mandato.

Bloque das mocións

Na tanda de mocións comezamos coa que presenta Ferrol en Común relativa á ampliación da residencia de maiores de Caranza e que contaba co respaldo do Comité de Política Social, que tomou a palabra tanto para reinvindicar unhas mellores condicións laborais como para pedir o mesmo que nos, a ampliación do centro.

Dende Ferrol en Común pensamos que a mellor opción para a atención dos nosos maiores non pasa pola construción dunha nova residencia e a conseguinte liorta entre os grupos municipais sobre que lugar é o mellor, se non que a opción más eficiente, porque produciría un aforro de gasto ao compartir servizos como a cociña ou a lavandería e a que garante que o emprego sexa 100% público, é a ampliación da residencia xa existente de Caranza.

Aínda que o Partido Popular votou en contra, saíu aprobada cos votos a favor do BNG e o PSOE, este último cun voto propio do trilerismo político xa que apoian a ampliación da residencia de Caranza pero non renuncian a construción dunha nova residencia no Bertón, cando todos sabemos que é improbable por non dicir imposible que se constrúan dúas residencias en Ferrol.

A seguinte moción que presentamos era da Plataforma SOS Sanidade Pública para apoiar as súas demandas e a mobilización convocada para o vindeiro 9 de febreiro. Tendo en conta as longas listas de agarda, a falta de camas, a problemática do paridoiro de Verín, a falta de pediatras en numerosas localidades entre as que se atopan As Pontes, Fene, A Capela, Ares, Mugardos… as enfermeiras en loita que encadenan 200 contratos nun ano, a privatización de servizos sanitarios… é lóxico que tanto a cidadanía coma os grupos políticos que se preocupan porque os poderes públicos velen por unha sanidade de calidade, saiamos a rúa a exixir que un servizo básico e primordial préstese dunha forma digna. Como cabía agardar, o PP votou en contra desta moción e narrou unha realidade alternativa que probablemente soamente vivan elas cando sí paren en Verín namentres os demais teñen que facer 80km para dar a luz, aínda así saíu adiante cos votos a favor do BNG, PSOE e FeC.

En canto ao resto de mocións presentadas

Votamos a favor de mudarlle o nome á Praza de Armas e á Praza de España, xa que non nos asusta avanzar e darlle un recoñecemento merecido a dúas persoas ferrolás que contribuíron na cultura e na igualdade.

O grupo popular presentou unha moción para instar ao goberno a aboar a débeda pendente a Galicia, que apoiamos porque é de xustiza, pero tamén recordámoslle a ese grupo que esta moción aparece no pleno con claros fins electoralistas, amosando a súa gran preocupación por temas que cando gobernaba o PP en Galicia e tamén no Estado non se solucionaron coma o tren, o naval ou o desmantelamento da nosa comarca.

Moción dignificación do exercicio do cargo público

Por último, Ferrol en Común levaba unha moción para a dignificación do exercicio do cargo público coa que queríamos darlle ao Pleno a posibilidade de emendar un erro cometido no anterior mandato cando dous grupos municipais pactaron para quitarlle as dedicacións ao goberno local. Esta moción foi retirada co compromiso do Alcalde de chegar a un acordo. Confíamos en que esta vez si cumpra a súa palabra.