Por: Jorge Suárez Fernández, voceiro do grupo municipal de Ferrol en Común.

Este primeiro ano de goberno non pode ter outro cualificativo que unha enorme decepción para Ferrol en Común. En xuño do ano pasado decidimos darlle o noso apoio sen formar parte do goberno, por diferencias insalvables como o apoio aos servizos públicos, a renuncia a reformular un Convenio de Defensa lesivo para os intereses municipais, ou unha proposta de reparto de áreas provocado dende o PSOE para que a asemblea e cidadanía dixesen non. Xa anunciabamos entón o que hoxe sigue vixente, este alcalde é unha réplica do protagonista do “traxe novo do emperador”, todos saben que vai espido, salvo el mesmo e a súa cohorte de aduladores.

Un ano despois, as súas prioridades feitas públicas seguen sen materializarse, hai máis servizos sen contrato e o convenio de defensa segue sen asinarse. Pero, aínda máis grave, non hai interlocución co goberno central, nin co tecido social, non existe a participación, e iso deriva en que Ferrol siga á cabeza da taxa de desemprego, pobreza e exclusión social. A cidadanía de Ferrol, coas portas pechadas para o alcalde, é quen paga as consecuencias. Nada de melloras no tren, nada de AOR, nada de Estaleiro 4.0. Todo fume.

Poden gabarse de licitar obra pública, pero o único mérito nese sentido e dar continuidade ao procedemento administrativo dos proxectos desenvoltos por Ferrol en Común: Praza de Armas, beirarrúas de Pazos e Serantes, Pasarela de Santa Mariña, Mercado de Caranza, dique da Cabana, rehabilitación de Recimil, o edificio do Toxos, Carmen Curuxeiras, o aparcadoiro disuasorio de Canido, a iluminación LED no barrio da Magdalena, o carril bici de Caranza, os proxectos do POS no rural, e tantos outros, foron herdados e deixados listos para mellorar no urbanístico a faciana da cidade. Pero non hai proxecto de cidade, non hai un plan trazado para dar continuidade a un novo Ferrol, e mesmo rexéitanse propostas que eles mesmos teñen no seu programa electoral, como a peonalización do centro histórico e modernista, que sempre defendemos como reactivación socioeconómica dunha zona degradada, que tivo o récord galego de rehabilitación do país no noso mandato.

En canto ás obras, pode definirse como única actuación, un aglomerado por uns 20.000€ na Rúa Velázquez e un arranxo puntual na explanada do Sánchez Aguilera. Resulta insultante para a xente que camiña pola cidade comprobar o estado dos viais propios e como, nun acto de propaganda máis, van sacar a foto para a comprobación do asfaltado dun único vial. E iso ten un nome: desleixo, xa que en agosto de 2019 rematou un contrato de mantemento de viais que tiñamos contratado, que con 900.000 euros, que non se volveu licitar, co que se poderían facer corenta actuacións como esa, sen necesidade de ningún tipo de contrato de obra menor. A día de hoxe non hai ningunha ferramenta que posibilite esas actuacións tan necesarias.

No sentido inmaterial tamén preocupa a Ferrol en Común o que se está a rexeitar só por puro revanchismo. Cuestións inéditas, como renunciar á campaña “Ferrol en negro”, renunciar a desenvolver Fimo como proxecto para Policía Local e Bombeiros, ou non organizar campamentos de verán para a infancia, teñen un alto custo social, por puro capricho, sen avaliar en profundidade o seu impacto, e que non teñen máis consecuencia que poñer obstáculos ao desenvolver unha sociedade máis xusta, conciliadora e humanamente sostible.

Neste estado catatónico do goberno municipal, Ferrol non pode avanzar. Non pode frear a súa crise demográfica e social, e menos cando se minte por sistema. Presúmese de normalizar as relacións institucionais. Como se antes non o fosen, é difícil chegar a acordos dende o menosprezo. Foi Ferrol en Común quen asinou coa Xunta o saneamento da Malata, quen puxo os piares para que se aplicase correctamente a Lei do Solo para o desenvolvemento do CHUF, quen conseguiu estender a rehabilitación do Ministerio de Fomento a Recimil a través dos ARRUS, e quen conseguiu os fondos europeos máis importantes da historia para Ferrol, o EDUSI e o Espazo Atlántico. 

A participación non existe, nin cos grupos ni co tecido social. O abandono do deporte de base asociado e toda a industria cultural é alarmante, case vergoñento. Non lembramos nin unha soa asemblea de portas abertas como as que convidábamos a calquera persoa a sentirse codecisiva na administración local. Non existe interlocución real cos grupos da oposición, que nin poden acceder aos expedientes e se enteran do que se pregunta en comisión pola prensa. A democracia molesta a este goberno, e dicímolo dende a dor, xa que confiabamos que dous gobernos seguidos de esquerdas poderian facer moito por Ferrol. Pero non hai esquerdas, nin centro, nin dereitas. Só ataraxia e catatonia, seguindo a máxima do seu correlixionario, “el que se mueva no sale en la foto”, non facer nada, e así nada acontece.

Dous honrosos fachos alumean entre as tebras: a concelleira de benestar, Eva Martínez Montero, e a concelleira de facenda, Mayte Deus. Accesibles, traballadoras, cunha idea clara de que a política é para servir e non para figurar, levan un ano cun balance positivo, no seu desenvolvemento programático, pero tamén na accesibilidade e procura da cooperación, que deu froitos no PAME, na resposta do goberno no eido social neste tempo de excepción e en comisións onde se deixa a un lado a prepotencia e o interese partidista, pensando no colectivo, como se debe facer se entendemos a política no sentido clásico da búsqueda do ben común.

Quedan tres anos por diante. Repetidamente pedimos ao alcalde, case imploramos, pleno tras pleno, que saia do búnker no que se atopa, que se mire no espello e vexa que está espido, e que atenda a maioría social e política que lle deu o bastón de mando, un bastón que non pode servir para afundirse cada vez máis no sillón de alcalde e servirlle de soporte para non afogar. Aquí está Ferrol en Común, disposta a traballar para que se dea continuidade a un proxecto de cidade de esquerdas, aberto, participativo, sostible, feminista, ecolóxico e xusto. Un proxecto que leva un ano en estado de coma. Logo dun tempo que non podemos obviar, cunha crise sanitaria que mudou todo, debe mudar tamén a actitude do equipo de Ángel Mato, deixar o sectarismo, a táctica e estratexia mediática dunha vez para, dende a lealdade, traballar de forma cooperativa con quen lle permitiu acceder a un cargo que a día de hoxe vaille grande, porque a soberbia non é unha forma de goberno. Non é unha cuestión de rancor, e que o que preocupa a Ferrol en Común é a cidadanía, e se esta non ten respostas a cidade esmorece.