Ferrol, 18 de setembro de 2020

Ferrol en Común quere amosar a través de esta nota de prensa que está canso de agardar o que nunca chega. A obra do Mercado de Caranza que xa lembramos en moitas notas anteriores, redes sociais, comisións… está rematada dende marzo cun orzamento de 800.000 euros e o visto bo do Xefe do Servizo de Patrimonio no momento da súa adxudicación, polo que cumpría os requisitos legais. Pero a día de hoxe seguimos á espera da reubicación dos placeiros e placeiras nos 16 postos dispoñibles. O tempo pasa e o goberno actual non é capaz de sacar adiante un mero proceso administrativo que culmine por fin cun mercado de abastos aberto a cidadanía para que poida desfrutar dun espazo novo, accesible e atractivo para todo o público que queira consumir produtos de proximidade.

Darlle pulo á adxudicación dos postos do mercado é apostar polo comercio local e pola economía das familias ferroláns, ademais de por un modo de consumo sostible, de proximidade e de moita mais calidade. Pero aquí seguimos, agardando a que o goberno local cumpra a moción presentada por este grupo no mes de maio e que foi aprobada cos votos a favor de FeC, PP e Bng. Nela pedíase “adxudicar de forma inmediata os postos do Mercado de Caranza que xa estaba preacordada”. Sabemos que o Psoe foi o único que votou en contra e non logramos entender a súa falta de interese en chear de actividade unha obra nova para a nosa cidade. Non só llo pide Ferrol en Común, se non tamén o barrio de Caranza e obviamente os placeros e placeiras unha e outra vez, que ven coma o goberno municipal pónelle escusas para dilatar no tempo a apertura do mercado, mentres os novos postos están collendo po e eles traballando nun espazo degradado que era temporal.

Como dicimos, a veciñanza, os traballadores e traballadoras do mercado, os grupos municipais… todos estamos de acordo na adxudicación dos postos e apertura inmediata do mercado. Ángel Mato está só nesta batalla, polo que dende Ferrol en Común solicitamos que sexa unha prioridade para este goberno o proceso de adxudicación dos postos do Mercado de Caranza.