Ferrol en Común ven de rexistar a moción da plataforma SOS Sanidade Pública contra as restricións nos Centros de Atención Primaria de Galicia.

Este é o texto da moción:

“A epidemia da COVID 19 xerou danos para a saúde da poboación, especialmente da máis vulnerable, como son as persoas con enfermidades debilitantes, agudas e crónicas e de maior idade.

Nas primeiras etapas da pandemia, as camas hospitalarias e as UCIS, víronse presionadas polo acumulo de afectadxs, mentres que os Centros de Saúde destinaron unha gran parte da súa actividade a atender a enfermidade, informar á poboación, rastrexar, seguir a novos casos ou realizar numerosas actividades burocráticas relacionadas coa pandemia. Os recortes de recursos dos últimos 11 anos e as precarias condicións de boa parte do persoal sanitario, traballando en precario, saturaron os Centros.

Co argumento de evitar o colapso dos hospitais, suspendéronse consultas, probas diagnosticas e intervencións cirúrxicas. Estímase que en Galicia paralizáronse ao redor de 3.000 das intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas.

Ao mesmo tempo, pecháronse centros de saúde e limitouse o acceso aos mesmos, substituíndo a consulta presencial pola telefónica (en moitos deles a única posibilidade de contactar ca poboación, con demoras de máis de 15 días) e reduciuse o aforo das salas de espera obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros para recibir atención.

As Residencias de Maiores, concentraron a maior parte da mortalidade, dada as graves deficiencias das mesmas (denunciadas polo Consello de Contas) resultado da cesión pola Xunta, a fondos de investimento e multinacionais (que buscan o beneficio económico por encima da seguridade). Persoas internadas nas mesmas, non recibiron atención normalizada nos centros de saúde e hospitais.

Nun primeiro momento a poboación e xs traballadorxs sanitarixs, entenderon a situación e aceptaron o confinamento nos seus domicilios e as limitacións de acceso á asistencia, como algo necesario para acabar coa pandemia.

Co paso do tempo a situación evolucionou e aínda que a onda de contaxios, a virulencia do xerme e a mortalidade, reducíuse de maneira importante, mantense semi-paralizada a actividade hospitalaria, polo que as listas de espera creceron de maneira exponencial (o SERGAS mantenas ocultas para evitar que a poboación coñeza a gravidade da situación), mentres as persoas enfermas seguen descoñecendo as datas das súas citas de consultas, probas diagnósticas ou cirurxía. As repercusións que esta falta de asistencia para morbilidad e mortalidade da poboación son imposibles de calcular por agora, pero en todo caso, serán importantes e cuestionan o dereito á protección da saúde da poboación. O incremento da mortalidade respecto a anos anteriores en Galicia é aínda difícil de coñecer (pola ausencia de información do SERGAS) pero estímase que un 40% é debida a enfermidades non relacionadas ca COVID.

Os concellos e outras administracións locais, a pesar de ser os representantes máis directos da poboación e contar con recursos para afrontar a pandemia foron ignorados polo goberno da Xunta, o mesmo que as organizacións sociais ou sanitarias. O SERGAS non proporciona información da incidencia de casos en cada localidade (utiliza unha escala de cores cuns rangos enormes que ocultan a situación real) impedindo asi, coñecer os contaxios en cada municipio.

O malestar social e profesional é cada vez máis elevado, a imaxe do sistema sanitario publico empeza a sufrir unha profunda deterioración, crece a utilización do sector privado polos sectores máis potentes, do mesmo xeito que medran os seguros sanitarios (a 15 euros mensuais). Está en xogo o noso sistema de saúde público universal, accesible e equitativo.

Por todo Isto, propoñemos para a súa aprobación polo Pleno da corporación do Concello de Ferrol:

1.- Solicitar á Xunta de Galicia que incremente o orzamento sanitario e para que garanta que os fondos estatais destínense a sanidade pública en Galica.

2.- Esixir que se poña fin as restricións de acceso aos Centros de Saúde, que están limitando as actividades de promoción, prevención e recuperación da saúde da poboación. A atención telefónica debe ser un complemento á atención presencial e non a única opción para a poboación.

3.-Incrementar o persoal dos equipos de Atención Primaria, garantíndolles unhas condicións de traballo dignas, un equipamento adecuado e o libre acceso a probas diagnósticas.

4.- Acabar coa parálise dos servizos hospitalarios, para o que propoñemos crear circuítos separados para persoas con Covid e con outras patoloxías e abrir os centros pola tarde para acabar o máis pronto posible coa enorme lista de espera xerada durante a pandemia.

5.- Dar participación aos concellos e os representantes da poboación na loita contra o COVID nas áreas sanitarias.

6.-Desenvolver os instrumentos de participación social na sanidade, poñendo en marcha o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.

7.- Proporcionar información real e actualizada, das persoas afectadxs en cada localidade, para que os Concellos e a poboación, coñezan a transcendencia da pandemia e colaboren activa e responsablemente na súa solución.”