Ferrol, 27 de outubro de 2020

Durante a semana pasada Ferrol en Común rexistrou dúas mocións, unha relativa ao reparto dos Fondos Europeos de Recuperación que recibirá o Estado e que reclamamos a xestión dun tercio dos mesmos por parte dos concellos, e outra moción en contra das restrición á atención primaria, da Plataforma SOS Sanidade Pública. Por último, no día de onte, vimos de rexistrar unha terceira moción en relación co prego de parques e xardíns que o goberno actual mantén bloqueado.

Moción para reclamar que os concellos xestionen unha terceira parte dos Fondos Europeos de Recuperación

O estado recibirá 140.000 millóns de euros nos próximos 6 anos, dos cales o 70% serán destinados a proxectos específicos entre 2021 e 2022 e o 30% restante terá que asignarse no 2023. Dende Ferrol en Común, e o resto de mareas municipalistas galegas, cremos que é necesario ter capacidade de xestión e decisión para efectuar estes investimentos, pois supón un reto para as administracións.

Os concellos son as institucións máis próximas a cidadanía e a que mellor coñece as súas necesidades, ofrecen os servizos básicos e dan cobertura directa no caso de ser preciso. Por todo elo, as mareas municipalistas consideramos que o ente local pode ser unha ferramenta fundamental para executar parte do gasto dos Fondos Europeos de Recuperación.

Propoñemos a apertura dun diálogo, coordinación e transversalidade entre todas as administracións públicas para organizar un mecanismo de reparto xusto e que o 33% dos FER poida ser executado polos concellos; un 20% a través de asignacións directas e o 13% restantes mediante proxectos transversais e supramunicipais.

Tanto Ferrol en Común, Marea de Vigo e Compostela Aberta presentamos esta moción coa fin da súa aprobación nos diferentes plenos das corporacións e Marea Atlántica fará o mesmo na Deputación da Coruña.

Moción da plataforma SOS Sanidade Pública contra as restricións nos Centros de Atención Primaria de Galicia

A semana pasada, FeC rexistrou esta moción da Plataforma SOS Sanidade Pública pois non podemos coincidir máis no seu argumentario e nas súas peticións.

A situación da sanidade pública en Galicia ven sendo un problema constante dende fai polo menos 11 anos, asistindo a numerosos intentos de privatización, recortes, precariedade… é dicir, un desmantelamento en toda regra, por parte dun goberno que non cre nos servizos públicos.

A epidemia da Covid-19 puxo de manifesto todas a deficiencias que víñamos arrastrando e deixou ao descuberto o pouco preparados que estábamos para facer fronte a unha emerxencia sanitaria desta índole. Co argumento de evitar colapsos nos hospitais suspendéronse consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas e ao mesmo tempo pecháronse os centros de saúde, limitándose o aceso aos mesmos e substituíndo a consulta presencial pola telefónica, mentres víamos largas colas de cidadáns e cidadás agardando fóra dos centros a ser atendidos.

Nas Residencias de Maiores, onde concentrouse a maior parte da mortalidade que deixou a covid-19 na primeira ola, viviuse un verdadeiro drama resultado das graves deficiencias que existían e existen nelas a causa da cesión da Xunta a fondos de investimento e multinacionais que buscan o beneficio económico e non os coidados e a seguridade dos seus pacientes.

Pois ben, co paso do tempo a situación evolucionou e a virulencia do xerme e mortalidade reduciúse pero a actividade hospitalaria mantense semi-paralizada. As listas de agarda creceron, as persoas enfermas seguen sen coñecer as datas de consultas, probas ou ciruxías; os centros de saúde permanecen pechados e a atención do persoal sanitario segue sendo telefónica.

Somos conscientes de que a situación é complicada e máis agora que parece que temos enriba unha segunda vaga do virus, pero non podemos permitir que a Xunta de Feijoo utilice a pandemia para desmantelar aínda máis a nosa sanidade pública. É preciso que se incremente o orzamento para reforzar a nosa sanidade e que os fondos estatais destínense a este fin pois dese xeito poderíamos facer fronte de mellor maneira á pandemia e non desatender durante case 1 ano a atención primaria, as consultas, as probas… ademais de investir en recursos e en persoal.

Moción para a mellora e desbloqueo do prego de parques e xardíns

Ferrol en Común, tivo unha xuntanza cos representantes da parte social do prego de mantemento de parques e xardíns da nosa cidade, xuntanza que o alcalde Ángel Mato venlles negando, dando resultado a un bloqueo absoluto de dito prego.

Por unha banda, os traballadores e traballadoras de parques e xardíns da nosa cidade chegaron a un acordo coa empresa para a mellora das súas condicións laborais, cousa que Ferrol en Común celebra, e o mesmo debería de facer un suposto goberno socialista coma é o do alcalde desta cidade. Dito acordo ten que estar recollido no prego que o concello leva elaborando demasiado tempo, pero parece que Ángel Mato non está pola labor de incluír no contrato as melloras nos dereitos dos traballadores. Polo que pedímoslle ao Alcalde que recapacite, reciba aos traballadores/as e desbloquee o contrato de mantemento deste servizo esencial para a nosa cidade.

Doutra banda, na xuntanza, puidemos ser conscientes da cantidade de melloras que é preciso incluír no futuro prego de parques e xardíns coma é unha ferramenta adecuada, un camión cisterna, unha nave base en condicións dignas, inclusión de cláusulas que primen a paridade e inclusión, subrogración de todo o persoal, eliminación da cláusula dos 6cm e voltar ás 15 segas anuais ou adaptación do persoal as novas superficies pasando de 27,000m2 por operario/ano a 28,317m2 co novo prego, sendo a máis elevada de todas as cidades galegas.

Por todo isto, no vindeiro Pleno pediremos suspender temporalmente a tramitación administrativa do prego de mantemento de parques e xardíns ata ter unha xunta de voceiros con presenza do Alcalde e da representación dos traballadores e traballadoras que prestan o servizo para analizar as súas demandas. Dada a celeridade que debemos ten que ter este contrato, agardamos que no prazo de dúas semanas dese dita xuntanza e inmediatamente despois vótese na comisión pertinente as propostas de mellora tanto na parte social coma na prestación de servizos.