Ferrol, 2 de novembro de 2020

O pasado domingo 25 de outubro o goberno do estado declarou mediante o Real Decreto 926/2020 o Estado de Alarma en todo o territorio español e ata o 9 de maio ante o preocupante incremento dos casos de contaxio e hospitalizacións pola Covid-19. Esta situación e este Estado de Alarma traerá de novo numerosas restricións que afectaran a diferentes sectores coma a hostalería, comercio, taxistas, cultura, establecementos nocturnos, mercados, ocio en xeral e outros tantos traballadores e traballadoras que verán de novo freada a súa actividade económica por mor da crise sanitaria que estamos a vivir.

Na nosa cidade, con case 1000 contaxios a día de hoxe, a situación é peor que na primeira vaga da covid-19 e as restricións aféctannos máis de preto para conter esta segunda ondada. Os diferentes sectores que estaban a levantar a cabeza durante o verán, despois de pasar os meses máis duros da pandemia, vense de novo obrigados a soportar unhas medidas que limitan a súa actividade económica e polo tanto o seu sustento, polo que agora máis que nunca é preciso e é urxente que o concello actúe e axude a paliar este golpe tan duro para toda a nosa sociedade.

O concello ten unhas contas saneadas, pasou de 27 millóns de débeda  a apenas 10 millóns na actualidade. Os recursos existen, e dende Ferrol en Común instamos a que se invistan en axudar á cidadanía nesta etapa crítica que nunca pensamos vivir. É o momento de que a administración local estimule a economía da nosa cidade e repare os danos causados a tantos sectores endebedándose, se fora preciso, ata o límite legal, xa que o concello, a administración máis próxima á cidadanía, debe ser o primeiro motor económico e sustento social nos momentos de especial dificultade da nosa veciñanza, non só nos negocios locais, senón tamén nos danos colaterais producidos nas decenas de familias que, de forma directa ou indirecta polas consecuencias deses peches ou minoración de ingresos, van quedar sen ningún tipo de sustento de forma repentina.

Dende Ferrol en Común urximos ao goberno local a convocar axudas directas para os sectores damnificados, sen deixar atrás a ningún, pero tamén a consensuar un plan estratéxico a medio e largo prazo para axudar a sacar a flote a nosa cidade. As administracións deben buscar solucións para que ninguén quede polo camiño e atopen no concello unha saída ao dramatismo que están a vivir coa crise sanitaria e económica, e é o noso deber darlla.

Polo que FeC, considera necesario establecer unha liña de axudas directas, en dúas vías: unha para dar soporte a autónomos, emprenderores e pemes damnificadas e outra, dende a área de benestar, para complementar as rendas de inserción social autonómica e estatal cuxa ralentización sume na desesperación a moitos dos nosos veciños e veciñas,  ademais de diferentes medidas sostidas no tempo para dar resposta as restricións do Estado de Alarma, que previsiblemente alongaranse no tempo causando un gran impacto negativo en sectores fundamentais para a nosa cidade, sendo a nosa obriga traballar na busca de medidas que axuden a paliar as consecuencias económicas negativas que trae consigo a covid-19.

O goberno actual non debe escatimar recursos e deber recorrer ao endebedamento público de ser necesario para paliar os devastadores efectos dunha crise sanitaria con efectos socioeconómicos sen precedentes, e Ferrol en Común dende o traballo cooperativo e a colaboración leal traballará para que o “que ninguén quede atrás” sexa algo máis que unha frase baleira de contido.