Ferrol, 20 de novembro de 2020

FeC rexistra unha moción para instar ao goberno local á apertura inmediata do aparcadoiro de Canido e sen limitacións horarias.

Fai un pouco máis dun ano, Ferrol en Común coñecía polos medios de comunicación a intención do goberno municipal de paralizar o procedemento aberto da Contratación das obras incluídas no Proxecto básico e de execución, e estudio de seguridade e saúde para o aparcadoiro disuasorio da Rúa Alegre-Canido. Nese momento, ademais de amosar a nosa desconformidade coa decisión tomada, presentamos unha moción para instar ao goberno local á continuación do proxecto de dito aparcadoiro, que foi debatida e aprobada no Pleno do 31 de outubro de 2019 cos únicos votos en contra do propio PSOE.

Este aparcadoiro ven a compensar a redución das prazas de aparcamento co peche do Parking privado da Praza de Armas e forma parte dunha estratexia para fomentar o uso peonil do barrio da Magdalena. Esta obra contou cun orzamento de 136.843,23€, para dar vida a un espazo respectuoso coa contorna no que se atopa, con zonas verdes e árbores para suavizar a imaxe dunha parcela que ten coma fin principal o estacionamento de vehículos.

Cumprindo co acordo plenario do 31 de outubro do ano pasado, as obras do aparcadoiro de Canido continuaron e xa fai meses que as súas portas permanecen pechadas aínda que a obra xa está remata. Non só este grupo municipal ten interese na súa apertura, se non que o goberno municipal ten a toda a veciñanza de Canido, coa cal consensouse dende o principio este proxecto, agardando ese momento no que os vehículos poidan ocupar un espazo creado para iso, para aparcar vehículos.

Mentres, ao goberno municipal ocórrenselle diferentes argumentacións para manter pechado o aparcadoiro. Segundo o día que se pregunte ou a persoa a que se lle faga a consulta, o motivo do peche pode ser vandalismo e problemas de seguridade na zona, cando non existe ningún informe que avale ese argumento; a non recepción por parte da intervención municipal, cando é un mero trámite; a asignación do seu mantemento ou a mellor ocorrencia, a intención de pechalo pola noite, pero aínda non saben como facelo ou a idea de que os vehículos roten polo día. Despois de escoitar todas estas versións do motivo da tardanza da súa apertura, o goberno municipal perde credibilidade.

En vez de concentrar os esforzos do goberno na creación de servizos e mellora da nosa cidade dun xeito áxil e participativo, escoitando o que a cidadanía demanda; este goberno mira para sí mesmo e toma decisións unilaterais mentendo as obras rematas pechadas, coma xa pasou coa Praza de Armas ou o Mercado de Caranza. 

O aparcadoiro de Canido está terminado. Ven a dar un servizo para a veciñanza da nosa cidade. Estase pagando o seu aluguer mentres o goberno municipal non permite o seu uso porque está buscando fórmulas máxicas que non apoian nin os veciños e veciñas.

Logo de falar coa Asociación Veciñal do barrio de Canido, a cal ten gran interese pola apertura inmediata sen ningunha limitación horaria do aparcadoiro, instamos ao goberno local a reconducir a situación e que abra as portas deste aparcadoiro para favorecer a mobilidade na cidade, acadar un centro cidade máis sustentable, impulsar a peonalización e liberar do colapso automobilístico esta zona, permitindo o seu uso á cidadanía.

Por todo isto, Ferrol en Común solicitará no Pleno Ordinario de novembro á apertura inmediata do aparcadoiro disuasorio de Canido e sen ningún tipo de limitación horaria nin rotación de vehículos.