Ferrol, 19 de decembro de 2020

Este ano 2020 remata, e deixando a un lado a pandemia que nos golpeou a todas e que aínda seguimos a sufrir, tampouco podemos dicir que fora un bo ano na xestión política desta cidade. Se botamos a vista atrás o primeiro e único que poderíamos destacar deste período é unha nova Praza de Armas chea de vida e a apertura dun mercado que levaba 30 anos reclamando unha mellora, o de Caranza. E todos sabemos quen impulsou estas obras.

Incluso se o propio goberno local fai balance do seu traballo, xa non só durante o 2020 se non en todo o que leva de mandato, atoparíase con que practicamente todo do que presume está asinado por Ferrol en Común: rehabilitación das vivendas de Recimil, reurbanización das rúas Espartero e Carmen Curuxeiras en Ferrol Vello e rúa Basanta en San Xoán, aparcadoiro do CHUF, ampliación da carreteira de Pazos, acceso ao cemiterio de Serantes ou as beirrarúas desta mesma parroquia, fóra disto, non hai nada. Para nós é importante que se lle dea continuidade aos nosos proxectos e se rematen para mellorar a vida da xente, para iso viñemos a facer política; pero non é menos certo, que o talante dun Alcalde se demostra cando, gobernando en minoría, co apoio dun goberno anterior e coa sinatura dun acordo de gobernabilidade, debe terse unha actitude cooperativa entre ambos, e diso, por desgraza carece Ángel Mato.

Como vemos, o traballo propio deste goberno na área urbanística é nulo e no resto de concellerías non mellora, pois durante este 2020 vimos coma desaparecía a Área de Muller e Igualdade, quedando reducida a dous días ao ano, sen programación de actividades e mesmo renunciando a subvencións para non levar a cabo os campamentos de conciliación familiar. Do mesmo xeito, a programación cultural da nosa cidade caeu en picado, pasando de acaparar titulares en prestixiosas revistas a ser case inexistente e cunha aposta polo tecido local nula. Xuventude, Benestar Animal, Normalización Lingüística, Medio Ambiente… nin unha soa iniciativa no que vai de mandato.

A parálise deste goberno é tal, que despois de anunciarse coma os grandes xestores, teñen máis servizos sen contrato que ao principio de lexislatura, amosando a súa incapacidade para gobernar unha cidade. Mantemento de viais, parques e xardíns, iluminación, tratamento de residuos, rozas, mantemento eléctrico… entre unha longa lista que soamente demostra que este goberno non ten unha folla de ruta definida, nin unha planificación clara e as súas políticas son froito da improvisación permanente, o que repercute na nosa veciñanza que sofre a mala xestión e a política de parcheo á que nos ten condenado este goberno.

Así mesmo, en ano e medio, nada sabemos das grandes cuestións de cidade coma o convenio con defensa ou a peonalización do barrio da Magdalena. Ferrol non avanza, e isto é culpa dun goberno sen iniciativas e sen espírito de loita. Seguimos esmorecendo cun desemprego insostible, unha industria abocada ao peche, un tren do século pasado, un sector naval sen carga de traballo e un Alcalde que das fotos e os despachos non sae. Ferrol merece alguén que loite de verdade polos intereses e necesidade da veciñanza. 

A participación, cooperación e transparencia coa cidadanía e co resto da corporación municipal brilla pola súa ausencia. Asistimos a grandes presentacións e roldas de prensa que acaparan portadas onde dáse conta de mínimas actuacións pero ben adornadas que a posteriori son convocadas en comisión, este é o respecto do goberno municipal cara o resto da corporación. Iso si, a comunicación externa a base de chequera funciónalle moi ben a este Alcalde, mentres as portas do Concello permanecen pechadas, o despacho de Angel Mato inaccesible para a veciñanza e a transparencia vólvese opaca.

Nun contexto socioeconómico no que, por desgraza, a taxa de pobreza na cidade vaise disparar, no caben máis xogos de trileros e debe cesar á manipulación da cidadanía, que ten criterio consciente propio para decatarse de que eses anuncios de atril e tapiz, non son máis que bromas pesadas que non achegan solución algunha aos seus problemas.

Só hai unha saída posible a esta crise, e non pode ser a do 2012, con diminución de impostos que favorezan aos máis ricos e ausencia de políticas sociais comprometidas, que se está a repetir agora co incumprimento dos acordos plenarios da creación dunha renda básica cun orzamento de dous millóns de euros, ou o retraso inasumible das axudas a pequenos autónomos que están ao bordo das colas da fame.

A única saída posible e deixar a un lado a intriga chusca, a comunicación cutre e baleira de contido palpable, a carreira de Pierre Nodoyuna Mato cara a ningures máis que a tratar de salvar unha imaxe insalvable. Dende Ferrol en Común consideramos que a única forma de rescatar a unha cidade que naufraga é coa cogobernanza e lealdade mutua das forzas políticas que de verdade queiran, máis alá de pegatinas e merchandising, que ninguén quede atrás. Todo o demais só vai incrementar o descrédito da nosa veciñanza nun alcalde que non está á altura da cidade, pechado, gobernando a golpe de capricho e fotomatón.