Ferrol, 19 de febreiro de 2021

Ferrol en Común congratúlase e felicita ao goberno local polo que parece, segundo as nosas informacións, a pronta recuperación dun xeito definitivo dos fondos do Ateneo.

Cando Ferrol en Común chegou ao goberno da cidade, encontrouse cunha triple problemática no Ateneo, derivada das obras de ampliación e reforma acometidas no mandado de Vicente Irisari: por un lado, o inmoble que nun principio estaría destinado unicamente a desenvolver a actividade do Ateneo, apareceu repartido entre distintas entidades da nosa localidade; doutra banda, o mandato do Partido Popular retiroulle calquera tipo de subvención, o cal estaba a provocar unha grave situación económica na asociación; e por último, os bens culturais da entidade foron trasladados a un espazo dunha empresa de transportes da cidade para o seu coidado mentres acometíanse ditas obras de acondicionamento. 

Ferrol en Común foi quen de resolver os dous primeiros temas antes citados con prontitude. Conseguimos trasladar ás entidades que se atopaban no edificio do Ateneo cara o Antigo Hospicio, no que non existía ningunha actividade e logramos sacar adiante unha subvención nominativa de 15.000€ para que o Ateneo desenvolvera a súa actividade con normalidade. Todo elo, dende o consenso e aprobado por unanimidade polo Pleno da corporación municipal.

O terceiro dos problema presentou certa dificultade, pois a fórmula agora adoptada, pola que o Concello adquire os fondos do Ateneo para instalalos na súa sede, non era a solución preferida nin por Ferrol en Común, nin polo propio Ateneo, inclinándonos pola adquisición directa por parte da entidade. Pero a xudialización do asunto deu lugar a que non existira ningunha opción legal para que esa opción fora posible, e despois de barallar diferentes fórmulas e manter numerosas xuntanzas acordouse que a opción máis práctica era a que parece, terá lugar nun futuro próximo: a adquisición dos fondos por parte do Concello.

Cabe mencionar, que para que esta compra sexa posible, os trámites para elo están realizados dende 2018, cando Ferrol en Común solicitou a peritaxe para estimar o valor da colección do Ateneo e fixéronse os trámites oportunos para acreditar a trascendencia das obras, especialmente da hemeroteca da que dispón a entidade cultural.

Así mesmo, este grupo municipal logrou o apoio unánime para a recuperación dos fondos do Ateneo a través dunha moción que pola dilatación dos tempos do proceso xudicial e a falta de tempo material, deu lugar a que aínda se estea hoxe tentando materializar a compra da colección.

Ferrol en Común considera importante reseñar todos os pasos dados ate este momento, pois sen a peritaxe e os informes emitidos non sería posible ter chegado ata aquí, onde parece por fin que o camiño está encauzado e moi pronto poderemos alegrarnos de que o Ateneo Ferrolán dispoña por fin dos seus fondos culturais despois deste longo proceso.