Ferrol, 21 de maio de 2021

Ferrol en Común vén de manter varias xuntanzas con diferentes representantes da zona rural, tanto coa súa Federación como entidades individuais, como a Asociación Veciñal de Vilasánche-Viladóniga.

Neste sentido, o concelleiro Suso Basterrechea acudiu á reunión convocada onte pola agrupación do rural co resto de grupos municipais e recolleu o noso compromiso para negociar uns orzamentos que, a día de hoxe están en vía morta, pois seguimos á agarda dos documentos que faltaban para completar o borrador das contas e que foron solicitados fai máis dunha semana.

Dende FeC consideramos que Angel Mato esqueceuse totalmente da zona rural de Ferrol, pois a penas existen partidas específicas para a súa mellora e mantemento, por este motivo, a nosa postura de cara aos orzamentos é a seguinte:

– Dar cumprimento á moción aprobada polo pleno da corporación, na que se acordou unha partida anual nos orzamentos dun millón e medio de euros para a zona rural, para o desenvolvemento de todo tipo de actuacións, entre elas, ampliación da iluminación pública LED, a mellora de beirarrúas e acondicionamento de viais, que a día de hoxe unicamente se delega nas escasas partidas que se destinan a través dos plans da deputación, eludindo o goberno a súa responsabilidade.

– Elaboración dun cronograma de actuacións, con dotación orzamentaria a través de EMAFESA, do saneamento para a zona rural, coa procura do consenso necesario no modelo a implantar, para o que se precisa que os proxectos sexan participados na veciñanza e cos grupos políticos.

– Unha oferta cultural e atención do servizo de benestar a dependentes, maiores e infancia descentralizado.

– O estudo dunha cuadrilla municipal destinada ao desbroce de viais, estando próxima á conclusión neste mes de agosto o actual contrato e sen que tivese desenvolto este goberno unha alternativa ao desenvolto por FeC.

– Diferentes partidas que garantan a vixilancia e control das actividades dos maderistas.

Así mesmo, tendo en conta os problemas específicos que afectan á zona rural e a escasa comunicación e participación ao que está aberto este goberno local, Suso Basterrechea propuxo nesta xuntanza a convocatoria trimestral de asembleas rurais onde participen tanto as asociacións veciñais do coma os grupos municipais co fin de abordar temas propios que preocupen á zona rural e darlles solución.

Por último, Suso Basterrechea denuncia a ausencia de proxecto de cidade de Ángel Mato, nomeadamente na zona rural, completamente desaparecida no documento presentado de investimentos e que non fai máis que afondar na brecha entre cidadanía de primeira na zona urbana e de segunda na zona rural.