Ferrol, 21 de setembro de 2021

A Semana Europea da Mobilidade é unha iniciativa europea coa que se pretende concienciar sobre as consecuencias negativas do uso irracional do vehículo nas cidades, tanto para a saúde pública coma para o medio ambiente, e visibilizar os beneficios doutros medios de transporte máis sostibles coma o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé.

Fai uns anos estariamos a falar de iniciativas coma Móbete por Ferrol ou a Rúa é Túa, onde apreciábase a implicación dun goberno municipal coa sostenibilidade, programando actividades en tódolos barrios que dinamizaban á veciñanza dende unha perspectiva respectuosa co medio ambiente e cuxo obxectivo era concienciar sobre o excesivo uso do automóbil e promover as boas prácticas, dando a coñecer a cidade do futuro, máis limpa e máis verde.

Pero esa cidade do futuro quedou paralizada coa chegada de Angel Mato ao goberno municipal, onde non só a Semana da Mobilidade pasou a programarse para «saír do paso», se non que non amosa nin unha soa preocupación polo medio ambiente e tampouco levou a cabo nin unha soa medida pola transición ecolóxica.

Por poñer un claro exemplo, no noso mandato peatonalizouse o entorno da Praza de Armas, a rúa Real, Pardo Baixo e a rúa María, mentres, no tempo que leva o PSOE no goberno non se deu nin un só paso de cara a peonalización do barrio da Magdalena, unha cuestión altamente demandada e que copaba programas electorais pero que á hora da verdade non ocupa a axenda do Alcalde desta cidade, onde seguimos a ver o mesmo tráfico no centro de Ferrol, as mesmas fochancas provocadas polo paso masivo de vehículos e o nulo compromiso cunha cidade libre de emisións de CO2.

Dende FeC, lamentamos fondamente o nulo compromiso que amosa este goberno de cara a transformar Ferrol nunha cidade sostible e verde, nunha cidade amable cos peóns e nunha cidade na que se coida do medio ambiente. Día a día, demóstrase que isto non é unha das ambicións do alcalde Angel Mato, sobre todo cando existen centos de iniciativas e propostas que serían doadas de desenvolver na nosa cidade e virían a poñer o foco na necesaria transición ecolóxica, pero que o goberno municipal despreza, sen prestarlles un mínimo de atención e preferindo adicar o seu tempo a presentacións e actos rimbombantes que non chegan a ningunha parte.