Ferrol, 1 de outubro de 2021

No día de hoxe, o alumnado e profesorado do IES Concepción Arenal volveuse concentrar ante as portas do instituto para exixirlle á Xunta de Galicia o mantemento da Educación Secundaria de Adultos (SEA) que se leva impartindo no centro dende fai máis de 50 anos.

O concelleiro de FeC, Suso Basterrechea, acudiu a esta concentración para amosar o noso apoio e solidariedade coa máis que xusta reivindicación do Concepción Arenal. Todas somos coñecedoras de que a Xunta de Galicia e a súa política de recortes afecta a tódolos servizos públicos dende sanidade ata educación, coma é este caso en concreto, no que a Xunta de Feijoo quere deixar sen educación adulta ao IES Concepción Arenal que conta con numeroso alumnado xa matriculado nesta modalidade.

Unha vez máis, a Xunta avoga polos recortes educativos, primeiro foi a anulación dos desdobres causando ratios elevados de alumnos e alumnas por aula, logo a non cobertura das baixas do profesorado, causando incluso que algunhas materias non puideran dar comezo con normalidade e agora, por medio dunha decisión máis que intencionada, queren desmantelar a Educación Secundaria para Adultos.

Dende FeC, consideramos que ás decisións da Xunta de Galicia son un atentado para a educación pública e para todo o alumnado que se atopa xa matriculado no centro, coas clases comezadas e que lles supón un verdadeiro trastorno o cambio de matrícula para a E.P.A.P.U. de Caranza.

Doutra banda, asistimos novamente a unha despreocupación total por parte do goberno municipal que nin está, nin se lle espera. O Alcalde de Ferrol amosa coma de costume unha falta de responsabilidade coa veciñanza e os seus problemas, sen interceder nin comunicarse con outras administracións públicas para exixir solucións aos problemas da veciñanza e vendo dende o seu despacho coma esta cidade perde servizos públicos.

Ferrol en Común quere amosar de novo o seu apoio á comunidade educativa ante os duros recortes que está a sufrir por parte da Xunta de Galicia. Así mesmo, facémonos eco das súas reivindicacións coma defensores dunha educación pública de calidade e exiximos a recuperación da Educación Secundaria de Adultos no IES Concepción Arenal e o cese do desmantelamento dos servizos públicos por parte da Xunta de Galicia.