Ferrol, 27 de outubro de 2021

O goberno de Ángel Mato presenta hoxe pola tarde os resultados dun estudo sobre o sector cultural da cidade que eles cualifican coma “pioneira e participada”. Xa no mes de abril escotábamos declaracións nas que se dicía que “servirá para traballar con rigor as políticas culturais, partindo dunha diagnose”, polo que vemos, a este goberno fíxolle falta un ano e medio para tomar a decisión de realizar un estudo sobre as necesidades que ten a súa Concellería. Neste senso, cabe recordar, que Ferrol en Común no seu primeiro mes de mandato xa poñía en marcha multitudinarias Asembleas Culturais, con medios propios do concello e presencia do Concelleiro, para escoitar de primeira man esas necesidades do tecido cultural.

Do mesmo xeito, chámanos a atención o énfasis que poñen na participación das asociacións e cidadáns nesta enquisa, unha cuestión que non imos negar, pero si a poñer en contraposición coa participación que ofrece o goberno de Mato: mentres a empresa contratada para a realización da enquisa convoca aos axentes culturais a xuntanzas ás que o concelleiro de cultura non asiste, o goberno de Mato nin contesta ás peticións de xuntanzas que cada semana entran en rexistro por parte deses mesmos axentes culturais.

Dende Ferrol en Común, cremos que non é preciso a contratación dun estudo que durou case 1 ano para determinar as necesidades dun sector cultural que primeiro, viña funcionando con éxito durante o mandato de Ferrol en Común e segundo, o feito de reunirse regularmente co tecido cultural, recibilos e escoitar as súas demandas e propostas é unha canle directa e de gran valor que fai que a cultura desta cidade estea coidada e onde merece, unha cuestión que o goberno de Mato prefire cambiar por unha empresa que redacta un informe.

Ferrol en Común non entende cal é a finalidade desta enquisa, pois estamos convencidos de que a parálise cultural continuará mentres continúe o goberno de Ángel Mato, cun mandato marcado por poñer fin a programas ou ciclos que viñan funcionando con éxito coma é o caso de Jazz da Ría, que por certo acaba de gañar un premio nos Martín Códax, o teatro aficionado Amador ou Domingos a Escena, Festival Porta Máxica, Fóra do Mapa, o retardo de máis dun ano no Premio de Gravado Máximo Ramos ou os concertos da Banda Ferrolá de Música, sumida nun conflito que o Alcalde Mato aínda non foi quen de solucionar.

Un claro exemplo da inacción e afán por destruír todo o que ven funcionando ben nesta cidade é a situación na que se atopan os grupos musicais que facían uso dos locais de ensaio. O goberno municipal pecha os locais de xeito unilateral e indefinidamente, non dan alternativas e non reciben aos grupos musicais. Esta é a tónica habitual no goberno de Mato, apreciándose unha total falta de compromiso co tecido cultural da cidade e ata falta de respecto cara 100 músicos e músicas que acaban de quedar sen un espazo que viñan usando dende fai máis de 10 anos.

Dende FeC consideramos que a inacción e parálise do goberno de Ángel Mato en xeral, pero en particular na área de Cultura, non vai ser suplida por un “estudo de necesidades culturais” que intentarán vender coma exitoso, cando a realidade é que non se recibe nin a unha entidade ou asociación cultural para escoitar as súas demandas ou propostas, non se levou a cabo nin unha soa iniciativa salientable no que vai de mandato, convócase unha comisión ao mes polo que non se deixa participar aos grupos da oposición, non se solucionan problemas críticos coma os da Banda de Música Ferrolá e o único que se está a facer é paralizar a cultura desta cidade sen coidala, nin fomentala, nin impulsala, que é o que debería facer un goberno que estivera á altura.