Ferrol, 25 de xaneiro de 2022

Este xoves terá lugar un dos Plenos máis surrealistas desta corporación, pois ao marxe da aprobación de actas, decretos e dar conta das vítimas mortais do machismo, puntos fixos en todos os Plenos, soamente lévase un punto relativo a xestión municipal, o que ten que ver coa prórroga do orzamento, o resto da orde do día componse de 16 mocións presentadas polos diferentes grupos municipais.

Esta situación esperpéntica ven provocada primeiro pola falta de traballo do goberno de Ángel Mato, que ten a pouca vergoña de presentarse a un Pleno cun só punto de xestión municipal e segundo, pola falta de respecto que este Alcalde amosa aos grupos municipais, pois tivo 2 meses para convocar un Pleno extraordinario no que debater as mocións que quedaron pendentes do Pleno de novembro pero non lle interesou convocalo, tendo agora por diante 16 mocións para tratar nunha soa xornada.

Gustaríanos lembrarlle a Angel Mato que detrás de cada moción hai un traballo previo, xuntanzas con diferentes entidades e asociacións e incluso moitas delas son iniciativas da propia veciñanza levadas aos Plenos a través dos grupos municipais. Polo que cando tarda 2 meses en convocar unha continuación do Pleno non só está a faltar ao respecto aos grupos municipais se non tamén a cidadanía de Ferrol.

Dado que este xoves recuperamos as mocións de novembro, lembrar que FeC ten pendentes 3 mocións. A primeira delas relativa ás políticas de igualdade, que se presentou dentro do marco do 25N para reclamar más acción por parte do goberno na área de muller e igualdade e que por desgraza, xa que o traballo nesta área é francamente pobre, calquera momento é adecuado para reclamarlle a este goberno municipal unha mellor xestión da casa da muller e cun maior contido, pois por exemplo estamos ante outro ano máis nos que non se levarán a cabo as actividades da Casa da Muller. Do mesmo xeito, botamos en falta máis actividades, proxectos e plans dirixidos a eliminar a violencia de xénero, educación das actuais e vindeiras xeracións e por suposto o reforzo en materia de conciliación.

Outra das mocións pendentes é a relativa ás demandas do barrio de Santa Icía, que sofre un abandono total por parte dos gobernos, tanto local como da Xunta de Galicia, logo da gran fraude en torno a unha residencia de maiores, sendo esta a principal reivindicación, pero non a única, con ningún tipo de servizo en canto a seguridade, mantemento de infraestruturas ou desbroces.

Por último, solicitaremos no Pleno a posta en marcha do taller de cerámica, unha actividade que funcionaba con gran éxito ata que chegou o goberno de Angel Mato e desapareceu da programación, polo que pediremos a súa reactivación coa maior celeridade posible ademais de revisar as instalacións nas que se levaba a cabo a actividade para garantir que cumpren todos os requisitos necesarios para a boa realización do curso, e se fora preciso, acusar os arranxos pertinentes para elo.

Estas tres mocións pendentes dende novembro únense ás dúas que presentamos recentemente, unha delas anunciada onte polo concelleiro Suso Basterrechea coa que solicitaremos a recuperación da Gala do Deporte, sen se celebrar dende o ano 2019. A outra relativa a apertura do Consultorio Médico de Ferrol Vello, pechado dende fai case 2 anos e que está a ser froito dos recortes en sanidade que Feijoo está a facer por toda Galicia, polo que lembramos que o vindeiro luns 31 de xaneiro ás 19.00h concentrarémonos cos veciños y veciñas do barrio de Ferrol Vello para reclamar a súa apertura inmediata, ademais de levar a moción ao Pleno coa que intentaremos dar visibilidade e conseguir o compromiso de toda a corporación para instar á Xunta de Galicia a súa posta en funcionamento.