Ferrol, 7 de marzo de 2022

Cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, reivindicamos e visibilizamos a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento, en pé de igualdade cos homes, na sociedade e no seu desenvolvemento integral como persoa.

Despois de estes duros anos marcados pola pandemia da Covid-19 nos que a loita feminista e as súas reivindicacións seguiron presentes, entramos nun período de recuperación que é fundamental abordalo dende unha perspectiva feminista, aplicando políticas de igualdade de xeito transversal, para que esa volta a normalidade lévese a cabo dun xeito realmente igualitario sen deixar a ninguén atrás e sen discriminar ás mulleres.

Dende FeC consideramos que todas as administracións están implicadas nesta recuperación e por tanto tamén están implicadas na consecución desa recuperación en igualdade, aplicando políticas feministas e controlando que cada actuación teña ás mulleres en conta, dando pasos para rematar coa precariedade estrutural que está anclada no noso sistema despois de anos de políticas neoliberais onde a maior desigualdade sempre a sofren as mesmas: as mulleres.

FeC súmase e chama á participación na manifestación que o movemento feminista ten convocada este 8 de marzo ás 20.00h con saída da Praza de España baixo o lema “nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa”.