Ferrol, 26 de abril de 2022

Acabamos de coñecer que durante a celebración das actividades encadradas dentro de “Poesía Salvaxe” interveu a Policía Local para identificar aos organizadores e persoas que ían ler un manifesto.

Dende Ferrol en Común queremos expresar o noso máis enérxico rexeitamento a este tipo de comportamento ilóxico, pese ás boas formas da policía local segundo responsables da actividade, que o único que parece amosar é unha falta de liberdade e censura á cultura da nosa cidade ademais dunha imaxe lamentable, pola que xa vimos de lle pedir explicacións ao goberno municipal por consideralo intolerable.

Así mesmo, non só se censura a cultura mediante o uso dos corpos de seguridade locais se non tamén dende o propio Concello. A “Poesía Salvaxe”, unha iniciativa poética, dinámica e moi exitosa na nosa cidade, volveu ás rúas este 2022 sen ningún apoio por parte do goberno municipal, coma viño sendo habitual polo menos durante o noso mandato.

“A palavra encarnada” era xa unha actividade poética referente e consolidada na nosa cidade, xerando un espazo de encontro entre a cidadanía e a poesía e atopando un gran número de colaboradores entre os establecementos hostaleiros, mercados municipais e outros locais creando dinamismo na cidade e cheando a rúa de poesía, polo nin entendemos nin compartimos esta falta de interese e apoio a iniciativas locais, que se desenvolven con éxito e que soamente traen beneficios a nosa cidade.

No 2016, cando recuperamos esta iniciativa, o concelleiro Suso Basterrechea dixo que “A Poesía Salvaxe sempre terá un espazo na rúa mentres este Goberno dirixa a política cultural da cidade”, e que razón tiña.