Ferrol, 7 de outubro de 2022

Hoxe á mañá participamos nunha xuntanza á que fomos convocados pola Secc. Sindical UGT-Jardines Ferrol xunto co resto dos grupos municipais e o goberno local. Coma xa nos podíamos imaxinar ningún membro do goberno desta cidade acudiu a dita cita. Tendo en conta a actitude amosada todo este tempo polo Alcalde e os concelleiros e concelleiras do PSOE, non nos sorprende este desplante aos traballadores dun dos servizos fundamentais desta cidade.

A problemática co contrato de parques e xardíns segue presente. Lembremos que o pasado mes de xullo o goberno municipal sen falar con ninguén das partes implicadas nin cos grupos da oposición, dos que é importante remarcar precisa os votos para que os asuntos saían adiante, levou a Comisión e a Pleno un prego de parques e xardíns que non convencía a ninguén e que non incluía as demandas do persoal deste servizo, e por iso non saíu adiante.

O servizo de mantemento dos xardíns e parques da nosa cidade cada vez degrádase máis, mentres a actitude do goberno segue a ser a mesma: non dialoga, non negocia, non convoca a Mesa de Traballo que foi aprobada polo Pleno desta corporación e non intenta traballar un prego que contemple unhas condicións dignas para o persoal, a maquinaria coa que traballan e, en definitiva, mellorar o servizo.

Na actualidade tan só se conta con 24 traballadores dos 28 mínimos que contempla o prego caducado e ademais hai 3 traballadores que son eventuais e que rematan o seu contrato en breve, deixando a plantilla en mínimos mentres o traballo segue a ser o mesmo. Esta situación xa comeza a repercutir no estado da cidade, pois o persoal existente e a maquinaria da que dispoñen non é suficiente para realizar un mantemento en condicións.

Ferrol en Común non entende a actitude despreocupada deste goberno local e moito menos que non se presente ás convocatorias feitas por uns traballadores que o único que buscan é negociar en prol da mellora do servizo e da mellora das súas condicións laborais, unhas melloras que un goberno socialista debería máis que entender e apoiar.

Dende FeC seguiremos apoiando aos traballadores de parques e xardíns, comprometéndonos a buscar solucións que dean desbloqueado un prego que é fundamental para a nosa cidade.