Ferrol, 14 de decembro de 2022

Unha das grandes riquezas da nosa cidade é a xerada polo mundo do deporte. Ferrol conta con grandes clubs e ademais en practicamente todas as disciplinas e categorías, sendo moitas as nenas e nenos que realizan actividade física de forma organizada e federada grazas ao rico armazón de deporte base co que contamos, o que supón unha auténtica honra que hai que coidar.

O deporte ferrolán mantén unha extraordinaria vitalidade e aumenta de maneira continua o número de practicantes e espectadores/as, o que pon de manifesto o que xa dixemos durante o noso mandato e que agora volvemos a repetir: “O deporte ferrolán está por encima da capacidade que está a demostrar o Concello”. Isto é especialmente grave xa que, salvo algunha excepción, todos os clubs adestran e compiten en instalacións municipais.

Nos últimos tempos vemos como o apoio do goberno local estase a degradar de maneira irreversible, primeiro pola súa falta de diálogo e comunicación, sen reunirse con apenas ninguén e en segundo lugar, pola falta dun instrumento áxil na xestión como era o Padroado de Deportes, cun orzamento digno e participado polos representantes do deporte ferrolán.

O goberno local acumula demasiados momentos ao borde do colapso ou metidos de cheo no caos, coma é o caso do peche da piscina de Caranza. Atrasos nas subvencións, dificultades para xestionar as instalacións deportivas e a deterioración e escaseza dos devanditos espazos son circunstancias que os clubs de deporte base a as súas directivas padecen a diario e que o goberno local non é capaz de solucionar e nin se queira de dar explicacións.

O pasado 9 de decembro, o goberno municipal dignouse a realizar unha xuntanza con máis de 25 clubs deportivos, por petición dos clubs, xunto cos grupos da oposición. Nesa xuntanza acordáronse dúas cuestións: por un lado, ter unha xuntanza cos afectados/as polo peche da piscina de Caranza e ofrecer explicacións reais e non promesas que non serán capaces de cumprir, e doutra banda, crear un foro de debate coa intención de recuperar dalgún xeito o Padroado de Deportes ou unha ferramenta similar.


Dende FeC, sabemos que a xestión do tecido deportivo da nosa cidade e as súas instalacións non é unha cuestión doada, pero consideramos que ao longo de todo o mandato o goberno local non respaldou o máis mínimo ao deporte base da cidade, polo que demandamos que se cumpran as dúas cuestións acordadas, coma punto de partida, o máis axiña posible para comezar a traballar xuntos en solventar unha situación que xa rebasou todos os límites.

Por último, queremos manifestar o noso apoio a todo o deporte ferrolán que se manifestará o vindeiro venres 16 de decembro ás 18.00h na Praza de Armas, demandando cuestións máis que xustas e necesarias.