O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, destacou a calidade dunha exposición impactante composta de 38 obras orixinais e inéditas , feitas en casas e con xentes de Ferrol por un artista local A expo ábrese este venres 29 as 20:30 horas e poderase ver no CTB ate o 12 de maio no mellor espazo cultural da cidade

Ferrol, 27 de marzo.- HUMO, Este venres 29 aterra en Ferrol unha das exposicións mais impactantes destes últimos anos. Unha proposta arriscada e de gran calidade, amasada en Ferrol, entre casas e xentes do noso municipio, por un artista local que fundamenta o seu traballo no fume, un elemento anárquico e impredecible cunha técnica que unicamente emprega outro autor no Estado.

O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, e Fernando Patiño Vázquez, presentaron este mediodía en rolda de prensa no Pazo Municipal a nova proposta expositiva que desde a tarde noite deste venres 29 vai encher as salas do Centro Cultural Torrente Ballester  con 38 obras ben singulares., orixinais e inéditas.  

Fernando Patiño, Ferrol 1976, é un artista ferrolán formado nas escolas de artes de Lugo e A Coruña, en talla artística e gravado na primeira e fotografía e serigrafía na segunda. Desenrola a súa actividade artística na cidade, dedicándose en principio á fotografía e o vídeo, combinándoo coa pintura, que desenrola de xeito autodidacta, expoñendo os seus traballos de xeito continuo entre o 1999 e o 2004.

Nesta ocasión proponnos unha achega ás súas últimas obras, realizadas coa técnica dofumage, técnica desenrolada nos seus inicios polo artista Wolfgang Paalen dentro da súa etapa surrealista. Os rastros de fume producidos pola chama dunha vela sobre a superficie dun papel ou unha tea permiten, na súa orixe, suxerir imaxes cun modelado vibrante. Trátase dunha técnica pouco estendida, quizais por causa do medo a traballar con lume ou pola inseguridade ao tentar dominar o etéreo do fume, sendo moi poucos os artistas que a practican con resultados satisfactorios.

A través do negro aterciopelado que proporciona o fume sobre o lenzo, Fernando Patiño mergúllase nas escenas propostas polos propios modelos, permitindo que o caos o guíe no seu proceso creativo. Este caos só é abandonado cando é a técnica a que debe gobernar a creación artística, durante a elaboración das detalladas plantillas de papel recortado que lle permitiran aplicar o fume sobre o lenzo nas distintas intensidades cromáticas coas que plasma as escenas orixinais.

A exposición terá lugar no Centro Torrente Ballester, Sala Bello Piñeiro. Poderase ver entre o 29 de marzo e o 12 de maio do 2019.

Horario de apertura do CTB

Martes a sábado: de 11 a 14 e de 17 a 21 horas

Domingos e festivos: de 11 a 14 h.