Ferrol, 24 de abril de 2020

Despois de moitos anos perseguindo a homenaxe máis que merecida ao escritor Ricardo Carvalho Calero polo Día das Letras Galegas, e conseguida por fin este ano 2020 grazas á demanda incansable de moitos colectivos, a grave crise que estamos sufrindo a causa do COVID-19 obrigou a suspender todos os actos programados con motivo de tal recoñecemento.

Son moitos os esforzos e moitas as entidades culturais e sociais, asociacións, administracións, organización políticas, que levan traballando moito tempo para desenvolver no ámbito do ensino e da cultura actividades e programas que deran a coñecer a figura de Carvalho Calero e toda a súa traxectoria, pero a situación que estamos a vivir non permite o pleno despregue de ditas accións e tampouco é este, o mellor escenario para desenvolvelo,  polo que dende Ferrol en Común, sumámonos á petición de distintos colectivos de trasladar a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero ao vindeiro ano 2021. 

A opción de alongar ao 2021 a dedicación do Día das Letras Galego ao ilustre escritor, daría a posibilidade real de difundir o seu legado e a súa obra como ben merece, dando a oportunidade de levar a cabo todo o abanico de actos conmemorativos e difusión en todos os niveis, como ben sendo habitual.

Por ese motivo, e pola excepcionalidade que estamos a vivir, pensamos que a Real Academia Galega debe pospoñer ao vindeiro ano 2021 o recoñecemento á figura de Ricardo Calvalho Calero.