O pasado 29 de setembro do 2018 aprobouse polo Pleno municipal e sen ningún voto en contra a construción dun memorial que recollera a lista nominal de vítimas do franquismo nos territorios de Ferrol, Eume e Ortegal. Este era o primeiro paso dun proxecto que tiña como obxectivo o recoñecemento e dignificación das mulleres e homes que loitaron pola liberdade entre os anos 1936 e 1976 nesta comarca.

Esta iniciativa foi froito do traballo de investigadores, axentes sociais, familiares de represaliados/as polo franquismo e deste grupo municipal, que quixo convertelo nunha realidade no seu mandato e que agora solicita no Pleno, a través desta moción, que se retomen as actuacións pertinentes para ver finalmente erguido o monumento que lembre aos nosos veciños e veciñas que atopáronse de fronte co franquismo, dando a vida polas súas conviccións democráticas.

O recoñecemento e dignificación ás vítimas do franquismo é un pasado que ten que converterse en presente para poder afrontar un futuro con claridade. Dende Ferrol en Común cremos que as accións que desenvólvanse neste marco non fan mais que mellorar a democracia do noso país e poñela á altura doutros estados que tamén sufriron a barbarie do fascismo, como sucede por exemplo co caso do Pazo de Meirás, que repara unha situación de espolio creada polo fascismo.
Este memorial, encaixa coa actual Lei de Memoria Histórica, coa declaración institucional do Parlamento de Galicia do 18 de xullo de 2016 e coa nova Lei de Memoria Democrática contribuíndo a formar parte dunha conciencia social que non debe de esquecer o pasado reivindicando a nosa democracia.

No mandato anterior déronse moitos pasos, a lista das vítimas xa está elaborada polos Drs. Hª. Bernardo Maíz Vázquez e Xosé Manuel Suárez como propoñentes dun proxecto elevado para o seu coñecemento á Deputación e aos 21 concellos da área estudada e conta cunha moi fiable e competa base de datos das persoas represaliadas con nomes, datas, lugares… e o lugar do monumento xa está elixido, ubicándose en Canido, na rúa Navegantes onde atopábase o antigo cemiterio e onde xa existe unha placa de recordo, por ser un lugar altamente significativo.

Dende FeC estamos convencidos de que a nosa moción volverá a saír adiante co voto favorable de toda a corporación e retomarase o proceso, pois este memorial non é cousa de cores se non de render homenaxe perdurable ás mulleres e homes que entre 1936 e 1976 deron a súa vida na defensa da democracia, liberdade e igualdade e así cumprir coa nosa parte na mellora da memoria democrática do noso país.

Podes consultar a moción completa aquí