Ferrol, 24 de novembro de 2020

Na rolda de prensa desta mañá, o voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez, realizaba unhas declaracións relativas ao anuncio da non construción do dique seco nos nosos astalareiros. Unha decisión que condena a toda unha comarca ao desemprego e a precariedade.

No día de onte, o Comité de Empresa de Navantia levou a cabo unha acción visible, coma foi impedir o paso aos astaleiros á Dirección desta empresa pública, “o que provocou unha reacción hoxe, e por iso sae a protestar, porque non hai dique seco nos orzamentos do estado” dicía Jorge Suárez en relación á rolda de prensa convocada para hoxe polo Alcalde, Ángel Mato.

Dende Ferrol en Común entendemos que non é a posteriori cando hai que queixarse dos acontecementos, se non que hai que loitar polos intereses da nosa cidade día a día. O noso voceiro lembraba coma xa en febreiro de 2019, Ferrol en Común advertía de que o dique seco atopábase total e absolutamente paralizado por parte do goberno do estado e que sen esa infraestrutura o noso concello estaba destinado a unha morte temperá, ao mesmo tempo Ángel Mato declaraba “que non había que realizar esas declaracións tan alarmistas e que era un compromiso firme do goberno do estado”.

“Agora vemos a coma o Alcalde ten que retractarse desas declaracións e seguramente vaise lamentar de que esa infraestrutura non sexa construída” apuntaba Suárez. “Se dende febreiro de 2019, todos remásemos xuntos para conseguir que o dique fora unha realidade e non para calar ás voces discrepantes, quizás hoxe ese dique sería unha realidade” afeaba o edil de FeC.

“Non se pode facer alarde de reclamar un dique, cando intentouse que a masa crítica non fose escoitada no goberno central” explicaba Jorge Suárez, mentres remataba dicindo en relación ao cambio de postura do Señor Alcalde que “agora non vale poñerse o traxe de manifestante cando no seu momento facía de silenciador”.

Dende Ferrol en Común queremos amosar unha vez máis o noso compromiso co sector naval desta cidade, apoiando todas as súas reivindicacións.