Ferrol, 26 de novembro de 2020

O grupo de Ferrol en Común quere amosar a súa decepción co goberno local, un goberno que se transformou nunha máquina de propaganda e en xerar noticias baleiras coma a liña ferroviaria Ferrol – A Coruña ou o dique seco de Navantia, pero que ademais está deixando atrás ás persoas.

O goberno de Mato anuncia hoxe unha batería de medidas nunha rolda de prensa sen contar co resto de grupos municipais, os cales levan moito tempo intentando consensuar diferentes propostas que dean resposta ás situacións que a Covid-19 está deixando na nosa cidade. O que xa podemos sacar en claro desta pandemia é que precisa da unión de todo o tecido político e social para sacar adiante medidas efectivas, coma así pasou co primeiro PAME, un primeiro plan de axudas aprobado entre todos os grupos municipais.

Así mesmo, onte na Comisión de Facenda aprobouse unha modificación de crédito dun millón de euros para abordar ese segundo PAME, pero requeríndose por todos os grupos municipais a documentación pertinente para dita modificación e a solicitude dunha mesa de diálogo para poder chegar o antes posible ás necesidades que se están a amosar nas rúas da nosa cidade polo sector hostaleiro ou polo sector comercial, e que non se está a dar resposta.

Este goberno local da por pechada a negociación co resto de grupos, tomando decisións unilaterais unicamente para que a través da resposta mediática se trate de silenciar o berro de necesidade que están a sufrir moitos veciños e veciñas da nosa cidade en situación moi precaria.

Cremos que este camiño só conduce á decepción da cidadanía coa clase política desta cidade, e isto ten un nome e apelidos que é Ángel Mato Escalona.