Ferrol, 20 de xaneiro de 2020

A noticia coñecida onte sobre o peche definitivo da central térmica de Endesa deixa un escenario do máis escuro para a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A compañía que leva 45 anos en As Pontes, que chegou a dar traballo a máis de 4000 familias e que a súa influencia económica colle unha ampla franxa dende Ferrol ata a fronteira con Asturias, súmase a listaxe de empresas que botan o peche na nosa contorna.

Siemens-Gamesa, Poligal, Noa Madera Creativa, a perda constante de postos de traballo nas auxiliares de Navantia, a falta de encargos a curto prazo para o noso sector naval… dan coma resultado unha foto que presenta a toda unha comarca cunha intensa perda de poboación, un envellecemento da mesma acuciante, unha tasa de desemprego inasumible e unha emigración da xuventude alarmante. E nada parece que vaia a mellorar.

Dende Ferrol en Común pensamos que esta noticia non pode collernos por sorpresa, pois xa en 2019 o reelixido presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, confesaba que a situación industrial en Galicia preocupáballe, pero non debeu de ser demasiada preocupación xa que a reflexión sobre a política industrial do noso país foi nula, dando lugar así a peches e crises empresariais non só na nosa comarca se non tamén por todo o noso territorio, coma a da Factoría Vulcano, Alcoa, Isowat, Meirama, Ence…

A caída en picado do noso tecido industrial ten unha conexión directa coa pasividade, non só da Xunta de Galicia, se non tamén por parte do estado central, en canto a desindustrialización da nosa comarca, sen unha búsqueda de solucións nin aposta clara por atraer e conservar a empresas que consoliden postos de traballo. 

Detrás do encadeamento de peches das múltiples empresas da nosa comarca hai miles de familias que están sufrindo para subsistir unicamente co desemprego e as axudas sociais.

Dende FeC, cremos que este é un factor que non se está a ter en conta. Os traballadores e traballadoras, persoas, familias, necesidades que afloran con cada despido e cada peche de centro de traballo, mentres as administracións o único que tratan é de lavar a cara con titulares ostentosos e coa formación de mesas infinitas para tratar de buscar solucións aos problemas pero que nunca dan chegado.

FeC considera que é preciso unha actitude exixente coas empresas, das que moitas delas están subvencionadas con fondos do estado, ou directamente coma Navantia que dependen do sector público. Esa exixencia debe plasmarse a través de penalizacións ou aperturas de expedientes, pois se non hai un enfrontamento directo co poder empresarial estase a demostrar que poder económico está por riba do poder político.

Tanto o Partido Popular coma o PSOE deben actuar dun xeito activo para salvar a esta comarca, se non serán cómplices do peche da industria do polo norte de Galicia, abocando a nosa cidade, xa carente de infraestruturas e carente de postos de traballo, a súa desaparición xunto co conxunto da comarca.