Ferrol, 21 de xaneiro de 2021

Onte coñecíamos o peche inminente da central térmica de As Pontes, que suma outro duro golpe para a actividade industrial da nosa comarca e con elo, a perda de numerosos postos de traballo o que contribúe a un escurecemento paulatino do noso territorio que parece non ter fin, nin solución.

Esta dramática situación da nosa contorna non se limita soamente ao sector industrial ou naval, que atravesan dende fai tempo unha caída en picado que está dando lugar aos peches que estamos a ver día de hoxe; lamentablemente a realidade económica e laboral que están a sufrir outros sectores coma os traballadores/as autónomos/as, o sector hostaleiro, o comercio, o ocio nocturno, o tecido cultural… contribúen á formación dunha comarca cada vez máis e máis marcada pola precariedade e o desemprego. Mentres as administracións públicas amosan non estar á altura, nin no relativo a políticas industriais, nin no referente a contrarrestar a perda de ingresos que están a sufrir estes colectivos polas restricións da Covid, contribuíndo así aínda máis á precariedade.

A pandemia está atizando duramente a nosa cidade. Tan só na primeira ola botaron o peche máis de 80 negocios de comercio e hostalería en Ferrol, sen contar o ocio nocturno que leva pechado dende marzo ou o tecido cultural que veu reducido drasticamente, case ata a desaparición, a súa actividade. Os que quedan, levan concentrándose cada semana ás portas do Concello, coma na tarde de onte onde os acompañamos nas súas reivindicacións.

FeC censura a actitude do goberno local por non tratar coa prioridade que merece a convocatoria da liña de axudas que pode dar un respiro aos negocios locais. Pasaron xa 2 meses dende que o pasado 25 de novembro o Alcalde, xunto a Valentín González Formoso, fixo unha gran rolda de prensa anunciando novas axudas, que aínda non están nin convocadas. Coma acostuma este goberno, os titulares por diante.

Dende FeC, agardamos que dita convocatoria sexa inminente e pedímoslle ao goberno local que se axilicen ao máximo os trámites e a celeridade no pago das axudas, para que a burocracia non sexa, coma de costume, unha pedra no camiño da recuperación. Así mesmo, reclamámoslle ao goberno local máis decisión á hora de tomar medidas concretas que axuden a nosa veciñanza. O municipal ten unha responsabilidade e debe dar resposta poñendo en marcha actuacións que axuden a paliar a falta de ingresos dos sectores e as persoas máis afectadas, a través de exencións, bonificacións e axudas sociais, como viñémoslle pedindo durante toda a pandemia ao alcalde Ángel Mato, que soamente amosa unha actitude de desidia e despreocupación fronte o que está a suceder.

Doutra banda, FeC considera que unha vez máis a Xunta de Galicia chega tarde, o que está a pasar agora mesmo no noso país era previsible polo que xa se podía ter traballado nun plan de choque que actuara con rapidez para non deixar de novo meses e meses aos autónomos/as, pemes e traballadores/as sen ningún tipo de ingresos e cos negocios pechados ou cun volume de mínimos.

Para Ferrol en Común é fundamental que as restricións impostas veñan acompañadas de medidas económicas que axuden a paliar o duro golpe da pandemia. Xa levamos case 1 ano nesta situación e non se pode xogar á improvisación. Ferrol en Común ofreceuse para elaborar un orzamento express que se centraran en paliar as consecuencias da pandemia; aprobáronse varias mocións presentadas por este grupo municipal con iniciativas e baterías de propostas para reducir o impacto económico da Covid-19 nos negocios e nas persoas que aínda están sen cumprir; tendeulle a man a este goberno en numerosas ocasión, pois pensamos que o consenso e a cooperación é máis frutífera, pero o goberno local prefire afrontar só esta situación extraordinaria amosando non estar á altura, nin loitando polos intereses da cidade e dos seus cidadáns e cidadás, exixíndolle á Xunta de Galicia medidas concretas que acompañen ás restricións. Este goberno ve a pandemia pasar, e así, serán moitas persoas quedarán atrás.