Ferrol, 23 de marzo de 2021

Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa na que o voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez, explicou as dúas mocións que este grupo municipal levará ao Pleno Ordinario de marzo para o seu debate e agardamos, a súa aprobación.

A primeira das mocións versa sobre un tema que nos preocupa e máis nestes tempos de pandemia, que parece que veu para quedarse e que ten á veciñanza máis desatendida que nunca. “Vemos colas de cidadáns que teñen que agardar fronte ao Concello, a Xunta, centros públicos e cremos que é necesario implementar e modernizar a administración electrónica” comezaba dicindo Jorge Suárez.

“A día de hoxe o Concello de Ferrol non ten a penas trámites por vía electrónica e a páxina web é pouco intuitiva e cun manexo pouco áxil para as persoas que non están familiarizadas coas novas tecnoloxías” explicaba o voceiro, polo que, dende FeC pretendemos que esta moción sirva para mellorar dun xeito substancial a administración electrónica da entidade local, buscando favorecer a toda a cidadanía, que tería acceso á realización de trámites administrativos calquera día a calquera hora e sen desprazamentos o que repercutirá tamén no medio ambiente, non só por isto se non tamén pola redución de impresións de miles de documentos. Así mesmo, refórzase a seguridade e control sobre os trámite e o propio funcionamento da administración vese beneficiada coa eficiencia da xestión do tempo minimizando os prazos de resposta.


Dende FeC consideramos que a mellora da administración electrónica é fundamental para equipararnos a outras cidades coma Coruña ou Santiago que dispoñen dun gran número de trámites en todos os campos para realizar telemáticamente, coma reclamacións ante a OMIC, inscrición en rexistros, solicitude de bonificacións fiscais, pagamento de sancións… mentres no Concello de Ferrol practicamente o único posible é solicitar un simple certificado de empadronamento.

O voceiro, Jorge Suárez, lembraba coma “no mandato pasado, grazas a xestión do goberno de FeC, conseguíronse 10 millóns de euros da EDUSI e 1 deles, precisamente, estaba destinado á xestión da administración electrónica”, continuaba explicando que “a nosa idea era distribuír entre diferentes zonas da cidade, asociacións de veciños, centros públicos… puntos de atención telemática onde calquera cidadá puidera acudir co seu DNI electrónico para realizar trámites sinxelos sen acudir nin se queira ao concello”, sendo isto o que propoñemos nun dos puntos da nosa moción.

Dende FeC consideramos que non se pode seguir permitindo que a xente agarde un mes para unha cita de rexistro mentres o goberno non implementa as medidas necesarias para que o catálogo de trámites chegue ao 100% de procedementos posibles de realizar o que viría a acortar eses prazos e as longas colas de agarda, ademais de axilizar centos de trámites a veciñanza. “Cremos que é unha medida que ven a favorecer a toda a cidadanía de Ferrol” remataba o voceiro.

Doutra banda, FeC presenta unha moción que consideramos “xa tiña que terse feito hai moitos meses” coma dicía o edil, pois “vemos coma noutras cidades se está a avanzar e Ferrol está quedando atrás, non só en infraestruturas ou carga de traballo, se non na implementación de novas políticas centradas nas persoas”.

Ferrol en Común propón a adhesión á Axenda 2030, ratificada polas Naciones Unidas, promovida polo goberno de coalición do PSOE e UP no estado e que conta coa participación de cidades coma Coruña e Santiago ou as Deputacións de Ourense, Lugo e Pontevedra, ademais de contar co apoio da FEGAMP e a FEMP.

“A axenda 2030 é unha estratexia que non só implica unha diagnose en todos os ámbitos na que se desenvolven políticas locais, se non que se trata de que a longo percorrido todos os grupos políticos, cidadanía e tecido social poidan poñerse de acordo na decisión de en que aplicar os recursos públicos, tendo presente a sostenibilidade, a erradicación da pobreza, a mellora da mobilidade, e unha serie de eixos que se concretan en 17 obxectivos de desenrolo sostible que trascenden un mandato dunha corporación e que deberían vir ligados a un orzamento de futuro”, así explicábao Jorge Suárez, aínda que “por desgraza as decisións que toma este goberno en materia orzamentaria son publicadas pola porta de atrás coma o plan estratéxico de subvencións publicado no BOP e que non pasou por Pleno, comprometendo o orzamento dos vindeiros 3 anos” afeaba Suárez.

Dende FeC consideramos que é necesario que este tipo de medidas coma a Axenda 2030 estean enriba da mesa, porque implican unha ampla participación de todas as figuras da cidade, para construír dende abaixo os eixos da política municipal, da que parten os recursos públicos dos que dispoñemos para que se apliquen na mellora da vida das persoas e a loita contra o cambio climático, entre outras. “Todos os concellos deben articular unha serie de medidas transversais dentro da Axenda 2030, coma administración máis próxima a cidadanía e punto de partida imprescindible na implementación dos 17 obxectivos de desenrolo sostible, para que os recursos non se dilapiden ou se perdan en ramas moi diversificadas que non se materializan nun proxecto de cidade, que é o que lle falta a Ferrol” remataba Jorge Suárez.