Ferrol, 31 de maio de 2021

Na zona rural hai demasiados anos que se ven dando unha mesma problemática: o paso polas pistas dos vehículos madereiros. Estes camións, cargados moitas veces por riba da tonelaxe permitida, deixan as pistas forestais nun estado de desastre, cuestión que cada ano denuncian os veciños e veciñas da zona rural.

No mandato de Ferrol en Común, déronse os primeiros pasos para regular esta situación e controlar o paso dos camións, a súa tonelaxe e o estado das pistas despois da realización do seu traballo de tala e carga de madeira. Nestes intres, o Concello de Ferrol está ultimando a aprobación da Ordenanza Reguladora de Tráfico, á que Ferrol en Común presentou as súas achegas entre as que se atopa a regulación de vehículos de tala e transporte de madeira, para dar solución a esta demanda histórica da veciñanza do rural que cada ano se ve afectada polos danos producidos polos camións madereiros.

A través desta proposta que logramos que se inclúa na ORT, agardamos ter unha ferramenta efectiva que serva para controlar e vixiar aos vehículos madeiros no seu paso polas pistas rurais, así coma a reparación dos danos producidos por parte dos madedeiros a súa costa.

Así mesmo, a proposta de FeC contempla que se inclúa un réxime de sancións para evitar ditas condutas incívicas que fan intransitables os camiños despois do paso dos camións madeiros cargados con máis peso do permitido.

Coa inclusión desta proposta realizada por FeC, a zona rural terá un procedemento que garante o bo estado e conservación das vías rurais, o control da circulación na zona rural e a protección do noso patrimonio medioambiental.