O pasado xoves 1 de xullo, Ferrol en Común anunciou, xunto co alcalde Angel Mato, que ambos grupos chegaran a un acordo para a aprobación dos orzamentos municipais.

Deixámosvos por aquí o ACORDO que deu lugar ao voto positivo por parte de Ferrol en Común:

ACORDO ORZAMENTARIO FEC-PSOE

Os grupos municipais do PSOE e de FeC acordan, nunha liña estratéxica para o ciclo 21-22 un traballo conxunto no programático, no desenvolvemento de proxectos de cidade e na cogobernanza baseada nas seguintes liñas estratéxicas:

– A lealdade política no cumprimento dos acordos, na comunicación pública e no desenvolvemento das propostas conxuntas subscritas neste documento.

– O esforzo compartido en en dotar de medios humanos o concello de Ferrol, para poder implementar cada un dos acordos asinados, incluíndo a mellora do actual cadro de persoal, coa ditame e elevación a pleno simultaneamente co orzamento do Regulamento de Carreira Profesional.

Ferrol, máis accesible, coa dotación dunha partida do orzamento 2021 para a execución da fase V de pasos de peóns accesibles e a construción un ascensor no aparcadoiro do Cantón e o traballo no orzamento 2022 en proxectos globais de accesibilidade, que dean cumprimento á moción plenaria na que por unanimidade se aprobou un gasto de 500.000 euros anuais en accesibilidade.

Ferrol, máis solidario, co desenvolvemento no ano 2021 de plans sociocomunitarios nos barrios de San Pablo e Recimil, ben a través de convenio con entidades sociais ou con plans de emprego, estudo dunha renda municipal básica ligada ás axudas de emerxencia. Compromiso de incremento dos fondos de emerxencia social no orzamento 2022, a consecuencia dun máis que posible repunte polo fin das tarxetas moedeiro e dos ertes vinculados á pandemia.

– Ferrol, máis participado, coa incoación do expediente dun novo Regulamento de participación cidadá e o contrato para o desenvolvemento estable dunha Escola de participación.

Ferrol, espazo público, co desenvolvemento participado nos usos coas entidades veciñais, e a adecuación social urbanística dos seguintes espazos para os que se desenvolverá un proxecto construtivo ou a execución do xa redactado no ano 2021:

  1. Praza de Rosalía de Castro, no barrio de San Xoan
  1. Local social no barrio de Ultramar, acorde ao previsto no PXOM, acordando o seu deseño coas necesidades da entidade veciñal.
  1. – Inclusión do proxecto da rúa de Pardo Baixo, que debera ser o inicio da adaptación das rúas ao proxecto integral de peonalización do Barrio da Magdalena
  1. – Partida para a rehabilitación modular de interiores na vivenda pública de Recimil, deixado redactado por FeC, comezando cun programa piloto para uso de vivendas de benestar social.
  1. – Redacción de proxecto de urbanización da Praza Vella
  1. Reconfiguración do proxecto da casa de Carvalho Calero, co desenvolvemento a través da oficina municipal de rehabilitación e coa participación nos usos de entidades veciñais e culturais.
  1. Redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patín en Canido, co desenvolvemento a través da oficina municipal de rehabilitación e coa participación de entidades veciñais e culturais.

– Ferrol, máis rural:

  1. – Servizo de rozas municipal cunha cuadrilla permanente con data de inicio no 2021, tal e como se expuso na primeira reunión de negociación, o que facilitaría un servizo continuado á zona rural, un inventario de camiños máis controlado e unha atención máis precisa ás necesidades que achegan as entidades veciñais.
  1. – Dotación no orzamento do 2022 das partidas necesarias para a execución do saneamento do Río Sardiña comprometido xa na sinatura do convenio para a Malata.
  1. – Partidas para o arranque do saneamento na zona rural no orzamento 2022
  1. – Desenvolvemento dun plan a catro anos (2021-2025) para a implantación da iluminación pública de baixo consumo (LED ou OLED) en toda a zona rural.

Ferrol, máis deporte: desenvolvemento no orzamento 2022 dun proxecto integral para a zona deportiva marítima da Cabana e dotación no orzamento 2021 para dous contratos menores, un para a lona do Clube de Remo da Cabana e outro para un pantalán nese espazo público.

A maiores destes acordos cuantificables e incluídos no estado de gastos, a partida denominada convenio de defensa será excluída do documento, sen prexuízo dos posicionamentos políticos públicos ao respecto que cada unha das organizacións lexitimamente poida manter.

Este acordo entre os dous grupos pretende ser un cambio de rumbo nas relacións entre as dúas organizacións, antepoñendo a calquera disputa ou interese electoral a loita por reverter a situación crítica da cidade e a unión de forzas para beneficio único da veciñanza de Ferrrol, co que se estudarán conxuntamente fórmulas de xerar emprego, fixar poboación e presionar as administracións estatais e autonómica co fin de compensar o desequilibrio histórico que sofre a nosa cidade en dotación de fondos públicos para infraestruturas, como a ferroviaria ou o estaleiro 4.0.

Ferrol en Común participará e tomará coñecemento dos proxectos que se desenvolvan polo goberno, e colaborará con lealdade para que os dous anos de mandato que restan acheguen unha resposta pública á altura das circunstancias na procura dunha saída social á crise sanitaria e as súas consecuencias socieconómicas en Ferrol.