Ferrol, 11 de setembro de 2021

Se nos últimos días a clase traballadora de Ferrolterra, a través das principais organizacións sindicais, reprobaba a falta de liderado e desinterese por procurar solucións ante as institucións nas que goberna o seu partido para paliar a crise socioeconómica i estrutural da comarca, hoxe debemos dende Ferrol en Común insistir nalgo que vimos demandando dende hai moitos meses: a impunidade coa que a nova concesionaria da liña Ferrol – A Coruña actúa, con falta de servizos, xente en terra, traxectos imposibles e duracións inasumibles.

Logo de ser testemuñas da presentación de varios estudos sobre o ferrocarril que non se traducen en investimento e, moito menos, en obra tanxible, non só non mellora a liña ferroviaria, se non que a outra alternativa pública sofre un decaimento sen control nin autoridade por parte da Xunta de Galicia ou o alcalde de Ferrol, deixando a súa sorte a centos de universitarios, pacientes que van a centros médicos e persoas que cada día traballan na cidade veciña e utilizan ese servizo.

Dende Ferrol en Común esiximos:

1.- Que se manteña unha reunión inmediata coa Conselleira de Infraestruturas e a Dirección Xeral de Mobilidade co fin de trasladar o malestar da veciñanza e que se efectúen as preceptivas labores de inspección e sanción, así como a corrección inmediata dos sucesivos incumprimentos do prego.

2.- Que se interpoña ante Consumo unha demanda colectiva en defensa das persoas usuarias do servizo encabezada polo alcalde de Ferrol, como é a súa labor de representación, máis alá de presentar proxectos baldíos e fútiles que so conducen ao autobombo e a propaganda que adoita a practicar Mato.