Ferrol, 21 de outubro de 2021

O club de fútbol sala feminino Valdetires segue inmerso nunha grave situación que podería desencamiñar incluso na súa desaparición debido a unha débeda que o Concello de Ferrol contrae co club e que aínda que ten fácil solución o goberno local non parece ser quen de atopala.

O club ven de solicitar numerosas xuntanzas co Concelleiro de Deportes, a última a pasada semana que foi suspendida porque ninguén do goberno local podía asistir e esta súmase a outras tantas nos últimos meses que non foron nin atendidas. Ao mesmo tempo, levou a cabo outras tantas xuntanzas cos grupos municipais coma o de Ferrol en Común para explicar a súa situación e recabar apoios para resolvela, cuestión que indubidablemente este grupo respalda. Ofreceu unha rolda de prensa no propio concello coa presenza de toda a oposición e no pasado Pleno Ordinario do 30 de setembro aprobouse unha moción por unanimidade na que se acordou o pago da débeda antes do comezo da tempada, que tivo lugar o 9 de outubro, e seguimos agardando o abono e a solución.

O pasotismo, pasividade, despreocupación e incumprimento por parte do goberno local motivan que de novo o club Valdetires véxase na obriga de solicitar unha nova xuntanza para pedir explicacións e solucións, xuntanza que terá lugar esta tarde e á que están convocados tanto o concelleiro de deportes, Antonio Golpe, coma os concelleiros dos grupos municipais da corporación e á que por suposto, Ferrol en Común asistirá.

Coma xa amosamos demasiadas veces, FeC respalda ao club Valdetires en todas as súas peticións e arróupao na súa reclamación ao goberno local relativa ao pago da débeda pendente, ademais dende FeC afeámoslle tanto ao Concelleiro de Deportes coma ao goberno municipal a súa actitude de total pasividade e falta de implicación cara un problema que pode resolverse, un problema sobre o que hai un acordo acadado por unanimidade por toda a corporación, e un problema que de non se solucionar podería rematar coa existencia dun dos clubs decanos no deporte feminino da nosa cidade coma é o Valdetires.

Hoxe pola tarde, o goberno de Ángel Mato, ten unha nova oportunidade para resolver un conflito que leva enquistado máis de medio ano pola falta de xestión e a total despreocupación deste goberno polos problemas desta cidade, coma ven demostrando coa súa actitude. Hoxe pola tarde, coma non podería ser doutra maneira, Ferrol en Común asistirá á xuntanza convocada polo Valdetires e agarda contar non só coa presenza do Concelleiro de Deportes, se non tamén coa solución a esta situación que tan só pasa por facer efectiva o pago da débeda.