Ferrol en Común lamenta a mala praxis da Concelleira de Benestar Social mediante convocatorias extraordinarias polas que se deixaron sen executar un millón de euros anuais en dependencia dende 2018

Ferrol, 10 de setembro de 2021

Ferrol en Común non ve procedente que as convocatorias de Benestar Social con temas tan relevantes para a cidade coma a teleasistencia, xantar na casa ou o convenio co Consorcio de servizos sociais para centros de maiores e escolas infantís convóquense pola vía extraordinaria, sen tempo e forma, e fóra do día establecido que está marcado por regulamento do Concello de Ferrol para as Comisións ordinarias de Benestar Social para ditame de Pleno.

A mala praxis habitual da convocatoria da comisión de benestar social, con convocatorias extraordinarias de ditames fóra das comisións ordinarias que non deben ser vinculantes para Pleno como marca a Lei de bases de réxime local, e sen dar tempo de máis de 3 días con fin de semana polo medio á oposición para ter acceso á información en temas relevantes da cidade é a tónica habitual da concellería de Benestar Social.

Por isto, Ferrol en Común demanda que se traten estes temas co tempo suficiente e o rigor negociador que requiren os diversos grupos políticos xa que a actual responsable da área de Benestar Social xa ten cometido erros gravosos coma no servizo de axuda no fogar, que ten deixado sen executar un millón de euros anual dende 2018 en dependencia por tentar romper coas políticas sociais que viña executando Ferrol en Común, que aumentaran nun millón de euros para dependencia nos orzamentos de 2018. Dende Ferrol en Común non se pode entender que o partido socialista estea modificando os regulamentos e pregos onde se aplicaron políticas expansivas en dependencia en 2018, a políticas máis restritivas en materia mesmo nunha pandemia, deixando sen executar tres millóns de euros dende 2018. Estas políticas teñen consecuencias na vida das persoas dependentes e das súas familias así coma nos contratos e precariedade das traballadoras ddo servizo de axuda no fogar, xa que aumentan as listas de agarda para a atención en dependencia tendo un millón de euros sen executar.

Ademais, a concelleira Saínza Ruíz reuniuse a semana pasada con traballadoras do social de Ferrol e traballadoras do servizo de axuda no fogar de Ferrol, que lle transmitiron que isto está provocando malestar no funcionariado de Benestar Social con nomeamentos aleatorios de pregos que tiveron que ser consultados xuridicamente e con repercusión nas condicións laborais das traballadoras das empresas. Polo que Ferrol en Común, pide que se voltea o diálogo e ao consenso e non se xudicialicen temas sociais, senón que se reforce ao persoal público dos servizos sociais municipais e que se den criterios técnicos, de diálogo e de capacidade, concurso, mérito e oposición para non converter a Concellería de Benestar Social na de Malestar como está facendo a actual concelleira.

Así mesmo, a concelleira de Ferrol en Común demanda que se recupere a organización interna do departamento de Benestar Social de 2018, que demanda o persoal público por diversos escritos e queixas por rexistro e que tiña o consenso de todo o persoal técnico e asinado pola xefatura e dos grupos sen ningunha queixa en contra no 2018. A actual concelleira modificou dita organización sen criterios nin técnicos nin negociadores, e segundo admitiu na súa intervención do último pleno por “cuestión persoais” con algún traballador, o que ten derivado nun malestar de nomeamentos aleatorios e modificacións cambiando de posto de traballo a diversos funcionarios, o que ten recibido diversos escritos e avisos por rexistro dos colexios profesionais de traballo social e psicoloxía de Galicia e diversos funcionarios do Concello de Ferrol, ademais de consultas xurídicas.

Ferrol en Común, demanda que se recupere a organización interna e o consenso xa que non quere que a premura e vía extraordinaria habitual para non traballar temas tan relevantes coma a dependencia no Concello de Ferrol, fagan que se leve dende 2018 sen executar un millón de euros anuais en materia de dependencia por ter modificado os pregos polas vías da premura e que se retorne ás políticas sociais públicas e se reforcen os servizos sociais municipais. Ademais, vese imprescindible coidar ao persoal que nos coida e non tratalo xudicializando temas que se arranxan con diálogo e cumprido a lei de contratos e lei de bases de réxime local por parte da actual responsable.