Ferrol, 22 de novembro de 2021

Jorge Suárez, voceiro de Ferrol en Común, mantivo unha xuntanza de traballo na AVV de Santa Icía, onde puido comprobar de primeira man como a súa directiva, en representación dos veciños e veciñas do barrio, transmitía un total abandono do barrio por parte dos gobernos, tanto local como da Xunta de Galicia, logo da gran fraude en torno a unha residencia de maiores, sendo esta a principal reivindicación, pero non a única, con ningún tipo de servizo en canto a seguridade, mantemento de infraestruturas ou desbroces.

Logo dunha parálise sostida dun ano e medio, por fin un pacto cando menos discutible afastou o proxecto de residencia de maiores do Boial, que quedará definitivamente instalada no Bertón. En diferentes sesións plenarias, todos os grupos manifestaron a necesidade pola alta demanda, e unha poboación de idade avanzada media, dun centro baseado nun novo modelo de convivencia, cohousing, no Boial, que quedou nunha pequena memoria redactada por un estudo de arquitectos e unha simple declaración de intencións.

Meses despois nada se sabe nin tan sequera dun proxecto construtivo, e moito menos dunha dotación orzamentaria para edificación do mesmo. Coñecendo as fortes carencias da zona rural, a perda poboacional e falta de infraestruturas como transporte ou iluminación pública, Ferrol en Común considera que nunca debeu desbotarse o proxecto da residencia no Boial, imprescindible para revitalizar unha zona que precisa dun estímulo público de recuperación.

No entanto, unha vez pactado hai seis meses xa, que sería construído no Bertón e que este camiño xa non ten volta atrás, Ferrol en Común presentará unha moción neste Pleno de novembro onde exixirá unha partida orzamentaria ampla de 500.00 euros no documento de 2022 para un centro de maiores, co fin de cumprir os compromisos plenarios e non someter a máis enganos a unha entidade veciñal que a fin e ao cabo dá soporte ao concello, sendo instrumento de interlocución entre o goberno e a veciñanza.

Máis alá desta demanda urxente, Ferrol en Común considera que a zona rural debe ser unha prioridade, e para dignificar a súa cidadanía e equiparala a zona urbana, considera imprescindible as seguintes cuestións que tamén estarán incluídas na moción que presentaremos:

– A sinatura dun contrato menor ponte en materia de desbroces, polo tempo imprescindible ata que estean rematados os trámites administrativos que configuren a cuadrilla municipal de desbroces, pactada no acordo de orzamentos entre FeC e PSOE, pois a situación é límite en moitos camiños municipais, que levan dende xuño algún deles sen ningún tipo de corte.

– A atención as diferentes demandas de reparación no local social da AVV de Santa Icía, referentes a limpeza de canalóns, reparación de goteiras, pintura ou arreglos na caldeira, temas non menores, pois o local actúa como eixo social vertebrador, punto de reunión e único lugar de esparcemento do barrio.

– Unha maior presenza policial, pois son constantes os roubos de cable e enseres nas vivendas privadas, pola proximidade de puntos de venda de droga de estupefacientes; así mesmo, necesaria para evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados.

– E, a maiores, a necesidade da actualización do inventario municipal, imprescindible, non só para Santa Icía, senón extensible a todos os barrios da cidade, pois as súas deficiencias impiden acometer obras de reparación, reposición e mantemento, en camiños, parcelas e edificacións de titularidade municipal que adoecen de defectos rexistrais e están nun limbo administrativo.