Ferrol en Común, co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, manifesta o seu compromiso coa erradicación de todas as violencias que sofren as mulleres.

Ferrol, 24 de novembro de 2021

O ano 2021 segue marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica que xerou. Un ano que suma e agudiza a situación de desigualdade de xénero que sostén a un sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres.

A violencia machista é unha violencia que vai mais alá da exercida dentro da parella ou exparella, abarca todas as violencias que se exercen sobre as mulleres polo feito de selo, a violencia sexual, económica, laboral, psicolóxica, física, simbólica ou institucional forma parte da vida diaria das mulleres no noso país.

Cando unha de cada dúas mulleres declaran ter sufrido violencia ao longo da súa vida por ser mulleres e 1.115 mulleres xa non teñen voz porque foron asasinadas por crimes machistas, dámonos conta da gravidade das violencias machistas, que non poden ser relegadas a temas menores ou a días concretos, se non que a loita contra o machismo ten que plasmarse cada día, de xeito transversal e en todos os ámbitos da nosa sociedade, dende a rúa, as casas, os centros educativos e sobre todo nas administracións públicas.

A violencia machista non é un problema privado, é un problema estrutural, unha violación dos dereitos humanos. Require en primeiro lugar, dunhas políticas fortes que poñan freo á violencia, recoñezan os dereitos das vítimas e se traduzan en recursos.

Por todo isto, é urxente a posta en marcha e profundización das actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para despregar xa medidas e políticas igualitarias nesta situación de crise multidimensional. E á súa vez, para iso é fundamental que a administración local eleve ás políticas de igualdade ao lugar no que deben estar, artellando actuacións, plans e programas que leven a igualdade a todos os eidos da nosa cidade, tal e coma plantexamos na moción que presentamos no vindeiro Pleno de novembro, onde solicitámoslle ao Concello un reforzo das políticas de muller e que volvan a estar consideradas coma primordiais, sendo máis necesarias que nunca para garantir os nosos dereitos e protexer as nosas vidas.

Por último, Ferrol en Común apoia todas as mobilizacións e actos que se levarán a cabo co gallo do 25N, lembrando que a concentración de Ferrolterra convocada pola Marcha Mundial das Mulleres será este xoves ás 17.00h na Praza do Concello de Fene.