Ferrol, 21 de xaneiro de 2022

Dende que FeC asinara con Augas de Galicia o convenio para desenvolver unha actuación no saneamento da zona rural por valor de dez millóns de euros que dotaba da infraestrutura necesaria para sanear todo o entorno da Malata e co compromiso de completalo co Río Sardiña, non houbo máis avances nunha actuación imprescindible para desenvolver a zona rural, a gran esquecida da cidade e, pola infradotación de servizos, a cada vez máis despoboada.

Son cada vez máis os interrogantes que se abren, e é por iso que FeC considera imprescindible un foro de debate aberto sobre o saneamento, que aborde as seguintes cuestións:

1.- Qué medidas se van desenvolver para abaratar o importe dunha taxa por encima do custo da prestación de servizo, como tratou de levar adiante en varias propostas plenarias Ferrol en Común, e como consta en informes contratados polo concello a auditoras independentes.

2.- As persoas do entorno da Cabana, Serantes, A Graña, teñen dereito a coñecer cantas persoas están afectadas polo saneamento da Malata, se están obrigados a pagar xa ou non a taxa, se están recibindo a prestación do servizo ou cando vai ser efectiva, non habendo ningún tipo de información, nin aberta, nin dentro da canle institucional da Comisión informativa ou a Xunta de Voceiros.

3.- Que modelo de saneamento, baixo que financiación e en que prazos se vai abordar o saneamento do rural restante, toda ve que a concesión administrativa a Socamex dentro de Emafesa remata en 2030, e veñen obrigados a desenvolver un plan de actuacións que abranga todo o termo municipal.

4.- Que investimentos en reparación, substitución de fibrocemento e acometidas está a desenvolver Emafesa nos últimos tres anos, onde podemos observar reparacións deficientes, perdas constantes de auga que non se subsanan, lecturas estimadas permanentes ou levantamento de viais que quedan sen reparar, crendo dende FeC que cando menos debera abrirse un expediente informativo para detectar que problemas afectan a eficiencia de Emafesa, na reparación e mantemento do sistema de abastecemento e depuración de augas.

FeC vén solicitando a presenza en Comisión de Urbanismo do Xerente de Emafesa dende hai cinco meses, facendo o goberno oídos xordos a unha reclamación que pon voz a toda a poboación do rural.

Dende FeC avogamos por un modelo sostible de saneamento no rural, no diálogo coa veciñanza para trasladar información respecto a un servizo tan básico como o trasnporte ou a sanidade pública, e reclamamos que se establezan canles de debate entre os grupos políticos, e destes coa veciñanza, antes de acometer actuacións produto de decisións unilaterais en canto a modelo de saneamento, prazo de execución, custos e modelo de xestión.