Ferrol en Común considera intolerable volver a atoparnos na mesma situación que fai un ano, a piques de pechar os locais de ensaio pola falta de xestión do goberno municipal.

Ferrol, 14 de novembro de 2022

Dende o ano 2008, a nosa cidade conta cun espazo municipal para os músicos e músicas da nosa cidade, os locais de ensaio. Estas instalacións son utilizadas de xeito habitual por máis de 100 persoas. Fai un ano, e por primeira vez, o goberno de Ángel Mato puxo en perigo a súa existencia, pois foron pechados a causa da pandemia e non había intención de volver a abrilos coa escusa de que non tiñan contrato, xa que o goberno municipal non se había molestado en renovalo. Se non chega a ser polas mobilizacións dos propios usuarios e usuarias, a nosa cidade xa non contaría con este espazo cultural que Ferrol en Común considera intocable e imprescindible.

Agora mesmo, os locais de ensaio volven a estar na mesma situación, en perigo de desaparición. O contrato menor que o goberno local realizou a modo de parche mentres non estaba listo o prego definitivo remata a finais deste ano. Aínda que a información que o goberno municipal ofrece é escasa ou nula, puidemos coñecer que a licitación do servizo está moi lonxe de ser efectiva e que non hai previsión da realización doutro contrato menor para que o servizo non teña que pechar de novo, unha cuestión que consideramos intolerable.

O tecido cultural da nosa cidade demanda e precisa espazos coma este nos que artellar e ampliar o talento ferrolán, unha cuestión que calquera goberno que estea á altura debe coidar e potenciar. Por iso, consideramos un gran erro de xestión do goberno de Ángel Mato, volver a vernos na mesma situación que fai un ano, a piques de pechar un servizo público.

Esta situación xa motivou no seu día a presentación dunha moción por parte de toda a oposición e mobilizacións por parte dos usuarios e usuarias dos locais de ensaio, accións que de volver a producirse, apoiaremos sen fisuras. Así mesmo, o concelleiro Suso Basterrechea, visitará hoxe este espazo para tomar o pulso de xeito directo.

Ferrol en Común insiste na necesidade dunha solución urxente, xa que non toleraremos o peche dun servizo público coma son os locais de ensaio. Non existe ningún motivo real que xustifique o seu peche, máis que a vontade política de manter ou non este espazo cultural e por iso, anunciamos a presentación dunha nova moción na que voltaremos a exixir unha solución inmediata para os locais de ensaio da nosa cidade.