Ferrol en Común organiza un acto este xoves 15 de decembro ás 19.00h no Ateneo Ferrolá para explicar a nova Lei de de Protección, Dereitos e Benestar Animal que se atopa en tramitación e aclarar todas as posibles dúbidas en relación a esta normativa.

Ferrol, 13 de decembro de 2022

Os dereitos dos animais son unha cuestión fundamental para unha grande parte da sociedade e por iso a aprobación dunha nova Lei de Benestar Animal que otorgue unha maior protección e garanta os seus dereitos é necesaria para avanzar nunha sociedade que cada vez se amosa máis comprometida e sensibilizada co benestar animal.

As corridas de toros, o Toro de la Vega, a forma de producir a carne que consumimos, a vida das nosas mascotas, as granxas peleteiras, a forma na que pescamos, a caza, os zoos ou os circos con animais, son cuestións que non resultan axenas a ninguén e dun xeito ou outro preocupan cada vez máis ao conxunto da cidadanía.

Regular os dereitos dos animais, a súa protección, a garantía dunhas condicións de vida dignas e sobre todo, o noso comportamento cara eles coma seres vivos dentro do noso entorno, conforman os obxectivos principais da nova Lei de Benestar Animal que se encontra na actualidade en plena tramitación no Congreso dos Deputados.

Dende FeC, sempre estivemos comprometidos co benestar animal e por iso organizamos este acto no que dar a coñecer á cidadanía esta nova normativa, explicar as modificacións e novidades que introduce na materia e ofrecer información de primeira man, tendo a oportunidade de solventar as posibles dúbidas que poidan xurdir entre a cidadanía e desmentir os numerosos bulos que circulan en moitos ámbitos e que non fan máis que crear confusións infundadas.

Para este acto contamos co propio promotor da Lei, Sergio García Torres, Director General de Derechos de los Animales en el Ministerio de Asuntos Sociales y Agenda 2030, que intervirá de xeito telemático para explicar en que consiste a Lei e as cuestións novidosas que introduce. Tamén contaremos con Cristóbal López Bautista, policía local e voceiro das plataformas “Profesionales VS LEY PPP” e “Unidos en apoyo a las razas PPP” que abordará os cambios normativos en materia penal, o papel da administración local nas políticas de benestar animal e por suposto, todo o referente ao trato dos cans catalogados coma Potencialmente Perigosos. Doutra banda, contaremos con Rubén Pérez Sueiras, responsable de campañas da Fundación Franz Weber e cunha total implicación en todas as causas que teñan que ver coa defensa dos dereitos dos animais. Por último, contaremos coa intervención de Lorena Fernández Romero, voceira de Iniciativa Dignidad Canidad (InDiCan), unha asociación ferrolá que fai unha labor encomiable no rescate dos animais e múltiples proxectos entorno a súa defensa e protección.

Dende FeC consideramos que é un acto completo porque contamos con grandes poñentes que nos explicarán á perfección en que consiste esta nova Lei e axudarán a desmentir a gran cantidade de bulos que se están a xerar sobre esta normativa; é un acto necesario, pois as protectoras de animais recolleron máis de 285.000 cans e gatos durante o ano pasado, o maltrato animal existente nas macrogranxas é unha realidade, o 13% dos abandonos no noso país coincide co fin da tempada de caza e así miles de motivos que avalan a necesidade dunha regulamentación coma esta; e é para todos os públicos, pois en maior ou menor medida o benestar animal aféctanos a todas, sen ir máis lonxe, 1 de cada 3 fogares ten unha mascota na súa casa.

Por todo isto, convidamos a toda a cidadanía a asistir a este acto sobre a nova Lei de Benestar Animal no que poden escoitar, preguntar e informarse de primeira man sobre os cambios que introducirá, pois agardamos que se aprobe o máis axina no Congreso dos Deputados e sexa un punto de partida no benestar e os dereitos de todos os animais.