Ferrol, 30 de xaneiro de 2023

Ferrol en Común ven de ofrecer esta mañá unha rolda de prensa co obxectivo de poñer o foco sobre o novo mercado de artesanía que parece que o goberno local está a organizar para Semana Santa. A cuestión que nos leva a exixir explicacións sobre a súa organización é que o goberno local volve a contar coa mesma empresa que xa en Nadal levantou a crítica e as sospeitas da oposición e artesáns locais pola súa falta de transparencia e os elevados prezos do evento.

Suso Basterrechea sinalaba en primeiro lugar que “xa existe unha folla de inscrición onde indícanse uns prezos que xa no Nadal foran escandalosos, indo dende os 900€ ata os 2000€ por 10 días de mercado”, estes prezos son absolutamente inasumibles polo sector de artesanía local e ademais é unha cuestión grave “xa que os propios artesáns estaban tentando auto-organizarse para celebrar un mercado nestas datas”, lamentaba o edil.

Así mesmo, o Concelleiro levantaba a dúbida sobre a transparencia na organización desta feria da artesanía explicando que “esta empresa supostamente non ten vinculación co Concello, pero o certo é que a folla de inscrición leva o logo do Concello de Ferrol, o que significa que sen ter informado en comisión, sen estar no portal de transparencia e sen ter informado aos artesáns, xa ten adxudicado un contrato”, se non, o outro escenario posible é que “a empresa estea a utilizar o logo do Concello sen ningún consentimento e se este fora o caso pedimos a intermediación inmediata”, sentenciaba Basterrechea.

Dende Ferrol en Común non entendemos coma despois das molestias ocasionadas en Nadal o goberno local volva a insistir en contar coa mesma empresa, nas mesmas condicións e cos mesmos prezos, cando no seu día a oposicións e os propios artesáns xa se pronunciaron sobre o seu rechazo á mesma.

“Todo isto parécenos canto menos curioso e fainos levantar certas dúbidas sobre a transparencia da súa contratación polo que en aras de eliminar calquera tipo de sospeita pedimos información inmediata” explicaba Suso Basterrechea.

O sector da artesanía foi un dos máis afectados pola pandemia e non entendemos coma o goberno local non se da conta da importancia que ten coidar o tecido cultural da nosa cidade. “Sabemos que na anterior proposta de Nadal había 30 inscritos, todos de fora”, comentaba Basterrechea, o que daría lugar a un mercado de artesanía onde se deixaría fora aos artesáns locais. De novo, estamos a asistir á degradación da cultura da nosa cidade, cuxo único responsable é o alcalde, Angel Mato, e o seu equipo de goberno.

“Consideramos que hai un afán lucrativo entre particulares e cremos que o goberno local pode organizar este tipo de eventos doutro maneira onde premie o fomento da artesanía local”, afirmaba Suso Basterrechea, que remataba catalogando a actuación de “lamentable, teimuda, escura e arriscada” e pedindo “explicacións xa” sobre a organización deste mercado de Semana Santa.