Ferrol, 1 de febreiro de 2023.
Dende Ferrol en Común, ante a renuncia que parece xa definitiva de aprobar unha ordenanza de tráfico, que contaba con noso aval tras admitirse as alegacións presentadas, denuncia a desregulación existente no concello para controlas os abusos de determinados madeireiros que son xa sistemáticos na zona rural.
Ano e medio despois dos últimos contactos co goberno, a ordenanza de tráfico está nun caixón do concelleiro de seguridade, algo insólito, pois é unha ferramenta fundamental para evitar unha sobreimposición tributaria a través das multas, impulsar o aparcamento ordenado das autocaravanas ou avanzar nunha peonalización inexistente neste mandato malia formar parte do pacto de goberno.
Nas alegacións presentadas por Ferrol en Común, admitidas polo goberno local e incluídas no borrador definitivo, instábase a regular no Capítulo IV, no apartado de vehículos pesados un novo apartado, que recollese expresamente a regulación de vehículos de tala e transporte de madeira, cun procedemento que garantise o bo estado de conservacións das vías, a circulación na zona rural e a protección do noso patrimonio medioambiental.
A falta de aprobación da mesma levou a un deterioro das estradas e pistas da zona rural, en zonas de uso e esparcemento cidadá, como a ruta do centro a Covas e Esmelle, que provoca o atasco de cunetas e inundacións na estrada, rutas e sendeiros a Chamorro ou no pinar de San Xurxo, pistas irrecoñecibles co pavimento destrozado en Marmancón e Mandiá, e tantos outros elementos do noso patrimonio natural.
Todo iso é debido a unha neglixencia e falta de control absoluto do goberno, que ante a falta de regulación, provocan a impunidade de certos madeireiros, que por non ter unha presión política que incida en medidas administrativas contundentes, deixan o noso territorio cuns danos máis que considerables.
FeC insta a retomar a negociación dunha Ordenanza de tráfico desenvolta en conxunto polos técnicos en materia de seguridade, urbanismo e medio ambiente, para regular aspectos imprescindibles no desenvolvemento urbanístico, medio ambiental e social da cidade de Ferrol.